Ningún estado actúa de xeito completamente libre e autónomo no actual sistema-mundo, nin tan sequera os Estados Unidos -por moito que Trump, coa súa sucesión ininterrompida de rupturas e cancelacións de canto tratado internacional de natureza comercial, política ou de freo ao cambio climático leve subscrito o seu país nos últimos 70 anos- poden facelo.

O estado español está integrado na periferia dun dos nodos centrais da economía-mundo como é a Unión Europea, coa que mantén vixentes unha serie de tratados que garanten a libre circulación de persoas, capital e mercadorías. O Tratado de Maastricht impuxo, ademais, na eurozona unha política económica moi concreta e ideoloxicamente marcada, a neoliberal, que establece severas restricións e penalidades verbo da participación do estado na economía, estigmatizadas como axudas de estado ou intervencionismo mutilador da libre concorrencia.

O estado español está tamén fortemente vinculado cos países centrais polo peso da súa débeda pública, en continuo crecemento, superior ao PIB anual e financiada, directa ou indirectamente a través do BCE, que é financiado, á súa vez, polos países centrais do norte: Francia, Alemaña e o Benelux. A inxerencia dos acredores do norte na política interior española acadou o seu clímax na reforma exprés da Constitución Española pactada polo PSOE e o PP de Zapatero e Rajoy no ano x2011. Este artigo -desenvolvido a través da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, Lei Montoro- implantaba a austeridade como principio superior e indiscutible do estado, esencial para a devolución dunha débeda pública contraída polas elites durante os anos da economía do pelotazo.

No BCE ten tamén o estado español externalizada a súa política monetaria, un mecanismo que naturaliza no eido económico o estatus quo da relación Norte-Sur intraeuropea e deseñado conforme á relación asimétrica entre acredores e debedores. A marcha de Draghi, substituído polo falcón Lagarde, e os indicios das vésperas dunha entrada en crise da economía alemá, poden supoñer, a medio prazo, o final da política de cobertura universal das débedas públicas sureuropeas por parte do BCE. En definitiva, o novo goberno de PSOE e UP ten marcados desde fóra os principais eixos da súa política económica, neoliberal e austera, de cuxa observancia é responsable a coruñesa Nadia Calviño.

Con estas fortes limitacións á capacidade de manobra en materia económica do novo goberno, a súa actuación debería encamiñarse, en primeiro lugar, a incrementar os ingresos do estado, para equiparalos cando menos á media dos países da OCDE, pola vía dunha reforma fiscal que garanta a progresividade e a natureza directa dos impostos, tal e como aparecen consagrados na Constitución, o combate á fraude e a cancelación dos mecanismos legais de evasión de impostos.

No apartado do gasto, a prioridade debera ser o afortalamento dos tres piares básicos do precario estado do benestar español: a sanidade, garante do dereito á saúde; a educación, principal ferramenta de mobilidade social e as pensións, última fronteira do pacto cidadán-estado e verdadeira rede de asistencia social durante os anos máis duros da crise.