Neste 2019 que remata, a cada quen iríalle como lle foi, pero así en xeral, se houbera que etiquetalo de algunha forma, creo que foi das etapas máis crispadas. E sen demasiadas razóns para selo. Foi un ano de "e ti que miras?", esa maneira de iniciar unha bronca sen máis motivo específico para montala que as ganas de armala. Claro que pasaron cousas graves, como sempre, pero aquí zafamos. Non foi un ano precisamente tranquilo para Latinoamérica. En Brasil, por exemplo, escolleron de presidente a Bolsonaro. En Venezuela o presidente do Parlamento, Juan Guaidó, proclamouse presidente do Goberno, como "presidente encargado", pero o país seguiu igual de mal (quizais non lle especificaron ben o encargo). En Ecuador e en Chile houbo un lote de protestas e en Bolivia un golpe de Estado polo método da proposta que o presidente non debería rexeitar, feita polo comandante do Exército. Na Arxentina como era visto, un presidente neoliberal levou o país á ruína.

Se en América o 2019 foi fatal, noutras partes a cousa estivo algo máis equilibrada, pero non moito. Os kurdos fixeron o gasto principal de acabar co Estado Islámico (coa súa base territorial), para que ao final Estados Unidos os vendera aos turcos. Un ultra fixo unha matanza en dúas mesquitas de Christchurch (a cidade neocelandesa que é a antípoda exacta de Ferrol). En Ucraína produciuse un episodio máis deses que no seu día iniciara Reagan, Berlusconi, Trump e Gonzalo Jácome: o paso do espectáculo á política, sen cambiar de actitude. Volodymyr Zelensky, un actor que interpretaba nunha serie de televisión ao presidente do país, resultou elixido presidente.

En España producíronse esas condenas a nove e trece anos aos líderes cataláns por un delito que parece sacado do código penal da Corte dos Austrias. Pero con ser graves, o peor son as consecuencias: descubrir que estaba vivo o franquismo máis rancio, e non soamente no aspecto político. Unha actitude que agromou en moita medida pola sobreactuación de toda a clase política (escoitando a Pablo Casado, o recordo de Mariano Rajoy confúndese co de Churchill) e tamén, e inseparablemente, pola actitude dos medios de comunicación, rendidos cada vez máis ao espectáculo. Supoño que recordan aquela xornalista de televisión que, nun directo sobre os premios da Lotería, deu a entender, coa algarabía propia do xénero, que ela tamén era unha agraciada co Gordo. Non era tal, creo que como moito, tocáronlle 5.000 euros, que non está mal, pero tampouco é como para armar escándalo. É dicir, mentiu. Pois a rapaza tivo apoios como o dun alto cargo dunha cadea de televisión que lle dixo: "Has hecho televisión y a mí me ha hecho feliz verte, te hayan tocado 10 o 400.000 euros. Has dado momentazos". En resumo, tanto ten dicir a verdade como non, poñer as cousas na súa xusta medida ou esaxeralas. Creo que nos esperan unha chea de momentazos.