Quizais o máis indicativo do consumo e da desigualdade que caracteriza o noso tempo é que hai xente sen sitio onde ir, e sitios sen xente que os ocupe. Non soamente no caso das vivendas, senón dos espazos públicos. Nesta parte do mundo, máis ben sobra que falta. Hai, por exemplo, unha chea de parques infantís sen nenos que os podan usar, e mesmo parques deses con aparatos para que fagan exercicio os vellos nos que tampouco se divisa un xubilado. Con todo, non son os casos máis graves de malgasto. Se os pequenos prefiren as consolas aos tobogáns e aos vellos dálles reparo subirse a eses trebellos que parecen ferramentas agrícolas postas de pe, que se lle vai facer. O malo son esas obras públicas que custaron fortunas e que van acabar comidas polas silvas, como as aldeas. Aquí somos tan pouco de aproveitar e rehabilitar o que temos que, con toda probabilidade, soamente a falta de cartos impediu que se substituiría a Torre de Hércules por un faro máis innovador ou a Catedral de Santiago por unha igrexa moderna máis barata de manter.

Aquí non soamente se tira co vello para facer o novo, senón que se constrúe o novo sen pensar en que facer co vello. Está o caso da terminal do Aeroporto de Lavacolla, que supoño que necesitaba unha ampliación e mellora, pero agora hai unha nova e unha vella que non se usa nin para escenario de rodaxe de películas de medo ou de acción, que creo que é xa para o único que pode valer. O mesmo vale para o aparcamento provisorio do aeroporto de Alvedro que, en canto se construíu o definitivo, quedou a monte, sen sequera ser obxecto dun posible estudo como estacionamento disuasorio da cidade, recinto de feira tradicional ou outro destino calquera. O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, a Residencia de toda a vida, estivo a un nada de correr ese destino dos equipamentos fantasma, mentres se decidía se amplialo ou construír un novo nos terreos na Fábrica de Armas. Dáme a impresión de que se houbo dúbidas non foi tanto por buscarlle un destino ao actual hospital, senón porque, se poñelo onde se está non foi un acerto no seu día, amplialo alí é insistir nos defectos da situación. A verdade, no caso do Chuac, non sei que uso se lle podería dar ao edificio vello-mais-recentemente-ampliado-e-remodelado, como non fose aloxar nel a todo o alumnado foráneo da UDC.

Toda a clase política local, e con ela a cidadanía toda -menos os que van botar da casa, claro- celebra que se invistan na cidade os 400 millóns de euros que vai custar o proxecto. É de celebrar que se invista diñeiro en sanidade. E supoño que cando se deciden gastar todos eses cartos, é porque fai falta ampliar o Chuac actual, non porque sobren. O que non cadra moito é facer unhas instalacións novas se non se contrata xente para atendelas. Non é a primeira vez, neste e noutros recintos hospitalarios, que hai zonas pechadas por falta de persoal médico e non por falta de persoal doente. Xa sei que viste moito máis inaugurar un edificio de centos de millóns -e tamén dicir que se vai facer- que inaugurar un cento de prazas de enfermería e dúas ducias de médicos, pero polo que sei do uso que fago do sector, na Sanidade hai máis necesidade de xente que de sitios.