J amás tan cerca arremetió lo lejos" escribiu hai máis de cen anos o poeta peruano César Vallejo na mellor definición coñecida do que hoxe chamamos Globalización, esa compresión do espazo e do tempo, segundo Harvey, provocada pola expansión das tecnoloxías da información e da aviación comercial. A Globalización, porén, ten dono, non é un proceso natural, nin neutral, é un campo de batalla global con puntos de fricción moi quentes e ás veces enmascarados. Así, a cancelación da Mobile Week barcelonesa agocha algo máis que o medo ao contaxio do coronavirus chinés por parte das compañías aseguradoras, agocha tamén o medo á irrupción do 5G, a quinta revolución da conectividade dixital liderada pola industria chinesa, Huawei neste caso, e que había ter un protagonismo absoluto no escenario da Fira.

Unha nova batalla gañada polas industrias tecnolóxicas norteamericanas, que este mes acadaban tamén outra vitoria importante en territorio europeo: a suspensión da Taxa Google por parte do goberno francés, a medida que debía pórlle fin á evasión fiscal continuada das súas grandes empresas tecnolóxicas que operan en todo o Continente e cotizan por debaixo do 4% en Irlanda. A disuasión norteamericana consistiu, neste caso, nunha simple de ameaza imposición de novos aranceis ao viño francés. Aranceis que xa sofren outros produtos do campo español, como o aceite de oliva, cuxos produtores se manifestan estes estes días nas rúas de xeito masivo en protesta pola súa exposición aos caprichos do mercado mundial. Á tradicional indefensión dos produtores agrarios ante a cobiza das distribuidoras e outros intermediarios engádenselle agora as novas penalidades impostas polos aranceis punitivos da administración Trump.

As escaramuzas no taboleiro dixital entre os EEUU e China polo control e acceso aos datos -ata o de agora, un recurso estratéxico explotado de xeito monopolístico por América do Norte- coinciden no tempo coa enésima demostración de impotencia europea, incapaz, unha vez máis, de actuar como un só actor no escenario xeopolítico global: a claudicación francesa provocou, en cadea, a conxelación de urxencia da Taxa Google española, e as ofendidas declaracións de Margarita Robles de hai unhas semanas ante a agresiva e unilateral política comercial non van pasar diso: dunha declaración ritual e retórica de dignidade ofendida que case coincide no tempo co anuncio dun aumento dos aranceis a Airbus, a aeronáutica europea que compite con Boeing pola hexemonía no seu mercado.

A economía-mundo posterior á crise de 2008 padece nestes momentos os efectos colaterais das manobras e réplicas das potencias hexemónicas e contrahexémonicas na súa pugna xorda polo mantemento da primacía. A severa contracción da economía xaponesa e a alemá, a terceira e a cuarta mundiais, semella amosar as consecuencias directas da lóxica proteccionista que profesan hoxe os estrategos de Washington. Ante esta situación, a política exterior europea, que non existe como doutrina coherente desde o final do gaullismo, non foi quen aínda de atopar unha táctica adaptada á realidade posterior á cancelación do TTIP e do libre comercio por parte da Administración Trump. O medo non pensa a longo prazo.