Segundo Manel Cráneo, todos os seres humanos son artistas; unha pode ser panadeira, outro agricultor e outro debuxante, pero é posible que calquera albanel ou funcionario practique como amador algunha arte, ou faga do seu oficio pura arte. De pequeno sempre estivo rodeado de tíos, os cales, debuxaban todos. E na familia do seu pai non só vía o agarimo polo debuxo senón que a figura do meu avó lendo quedou marcada como unha pegada indeleble no seu maxín. E así naceu nel, o cómic, como una mestura entre a literatura e a pintura. No colexio sempre facía caricaturas dos profesores e acababa castigado sen remedio. Logo na Pablo Picasso e na Escola de Artes non só facía caricaturas dos profesores, senón de compañeiros e de xentes que atopaba pola rúa e que chamaban a súa atención. O seu nome é Manuel Pena Rocha, pero adoptou o de Manel Cráneo, por dous motivos plenos de ironía, por que prefire ir de cráneo e porque tamén era unha forma de mofarse de si mesmo. E, como non, pola literatura romántica: Lovecraft, Poe, Bécquer. Ese mundo ruinoso e tétrico. Os vampiros, os monstros, as lendas arredor da morte. Un cráneo non deixa de ser un retrato. É a caricatura común que todos os seres humanos posuímos. Dalgunha maneira, el aperta a morte para amar a vida. Neste senso, Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao tivo unha influencia vital na obra de Manel. O seu prototipo de artista é o interdisciplinar, admira non só a Castelao, senón a moitos outros que cultivaron diversas artes, como Luís Seoane e Da Vinci. Manel Cráneo é un defensor a ultranza de non deixar que o neno que levamos dentro vaia esmorecendo co paso dos anos. Digamos que lle interesa a imaxinación dun neno, mais tamén a rebeldía dun mozo e a experiencia dun vello. Os pioneiros do cómic galego tamén producen nel unha fonda emoción e admiración: Xosé Díaz, Xaquín Marín, Reimundo Patiño ou Luís Esperante, son referencias fundamentais para el. É un home inquedo. Navegante de proxectos. Animador de actividades colectivas e posuidor dun sorriso e dunha vitalidade que eleva a aqueles que o arrodean a cultivar e descubrir o seu propio talento. Un cómplice das artes.