A extensa nómina de corifeos e palmeiros do presidente da Xunta de Galicia, sufriron unha pequena conmoción ao coñeceren a composición do novo goberno e comprobar que faltaban nel nada menos que os conselleiros de Sanidade e Educación do equipo anterior. Logo de pasar literalmente meses superando calquera marca anteriormente coñecida de adulación, adoración e xenuflexión xornalística louvando a xestión sanitaria da Xunta de Galicia no tempo da pandemia, resulta agora que o gran xefe deixa fóra do novo goberno nada menos que a Vázquez Almuíña, o responsable orgánico directo do milagre xestor. Non acaban de cadrar as premisas do siloxismo porque, se a xestión da crise sanitaria en Galicia foi impecable, como proclaman os teólogos feijoanos, entón por que o máximo responsable da mesma, o impasible Vázquez Almuíña, non forma parte do novo goberno?

Existen varias teorías ao respecto. Están os que pensan que ao mellor o xa exconselleiro non era todo o submiso e miñaxoia con Feijóo que requiría o seu cargo, e que caeu en desgraza precisamente por ese motivo máis ben persoal. Outros sospeitan que cansou definitivamente de exercer a competencia máis ingrata nun goberno neoliberal que fai do recorte no gasto social a súa única verdade absoluta. Estamos, por último, os que defendemos que, en realidade, a xestión sanitaria da Xunta en tempos da crise covidiá foi máis ben cativa e da morea, que se algún día alguén investiga a fondo, por caso, o acontecido nas residencias Domus VI, podería chegar a conclusións moi inconvenientes.

E se isto é así, se a xestión sanitaria da pandemia foi en realidade un desastriño, a pregunta inevitable que debemos facernos é a seguinte: Que debe acontecer entón neste país para que Feijóo faga algo mal? Que debe facer ou deixar de facer Feijóo para que aquí ou en Madrid a opinión pública comece a pensar que talvez a súa boa xestión non sexa máis ca unha falacia primorosamente empaquetada? Descoñecémolo, pero poden vostedes aventurar as hipóteses máis disparatadas porque todas son plausibles. O absoluto control da opinión pública galega dá lugar aberracións como esta: que sexa o propio presidente da Xunta o único que fai oposición de si mesmo, que pon en cuestión o labor do seu propio goberno. Iso si, sempre a posteriori e transcorrido un tempo prudencial desde os feitos.

As esquerdas empregamos decote a metáfora do campo inclinado ou do árbitro comprado para tratar de explicar a hexemonía electoral do PP en Galicia. É unha metáfora infantil e derrotista, sabémolo, porque nos exime de responsabilidade ante os nosos propios erros e nos sitúa nun horizonte no que, con independencia dos nosos actos, hase repetir sempre, unha e outra vez, o mesmo resultado, como no mito de Sísifo e no gran poema de Díaz Castro. Porén, a elocuencia dos feitos: o cese diferido de Vázquez Almuíña, logo dunha campaña electoral baseada na súa xestión, amosa a pertinencia da pregunta inicial: que debe pasar en Galicia para que Feijóo o faga mal.