Hai agora 18 anos, un político de raza como foi Manuel Fraga enfrontaba na súa senectude unha crise, a do Prestige, que estragou para sempre o seu mito de dirixente enérxico e practicante do decisionismo teórico que tanto lle prestaba a Schmitt. A síndrome do teléfono vermello, a da espera submisa polas instrucións de Madrid, convertera o León de Vilalba nun felino doméstico que se limitaba a agardar a chegada apresurada de Cascos, que andaba a cazar osos en Romanía. Sempre as cacerías foron un momento de mal agoiro na política española, como ben sabemos desde Berlanga polo menos.

Houbo un político que naquel mesmo contexto de silencio, oración e penuria en Raxoi se remexía inquedo na súa cadeira de conselleiro de Obras Públicas, falamos de Xosé Cuíña, o lalinense, quen esixía tomar o mando da situación desde Galicia seguramente porque desconfiaba da capacidade resolutiva do político asturiano e tamén da súa némese pontevedresa: Mariano Rajoy. E tiña razón, os dous políticos chegados de Madrid polo aire non fixeron moito máis que deixar dúas novas entradas para a historia da sandez política española: o de mandar o barco ao quinto pino por parte de Cascos; e o dos hilillos en estiramento vertical no caso de Mariano.

Por suposto, Cuíña foi inmediatamente defenestrado e con el remataba tamén a convivencia máis ou menos pacífica entre boinas e birretes que caracterizou o PP de Fraga. Tamén comezaba, todo hai que dicilo, a esperanza fugaz de recomposición dese membro perdido ou amputado do corpo político galego: o dunha dereita rexionalista desaparecida do Parlamento desde o final de Coalición Galega. Mesmo Barreiro Rivas escribía naquela altura artigos invocando a memoria insurrecta de Euloxio Franqueira e debuxando para Cuíña pai o bosquexo dun PNV galego ao que lle faltaban, é mágoa, curas e cartos. O tempus, o mores! Feijóo representa a vitoria definitiva da facción madrileña sobre a local e a súa única coincidencia co PNV, como todos sabemos, é a do calendario electoral.

Aínda así, os políticos galegos deben coidarse máis do San Martiño que dos Idus de marzo, e Feijóo transita hoxe con paso incerto un país enervado pola súa xestión da pandemia. Pechou as sete cidades e a hostalaría de xeito abrupto, con tres horas de antelación e sen ordenar, no mesmo acto, medidas paliativas para os sectores máis afectados. Feijóo, en fin, viuse obrigado a gobernar en solitario, por vez primeira en dez anos de mandato, e a deixar de oficiar o seu rol predilecto: o de Pilatos que non é responsable de nada e se limita a exercer de comentarista e sabotador da acción de goberno doutros. Sen teléfono vermello, sen ninguén a quen culpar da súa propia torpeza e pasividade, o burócrata d'Os Peares tentou saír do labirinto botando man do mesmo recurso infame que no 2006 o levou a Xunta, a cuestión da lingua, nada menos que acusando o goberno de Madrid de tentar impoñer o galego entre nós. Velaquí ata onde chegaba o Galicia, Galicia, Galicia.