Nun mes de San Martiño tumultuoso na Coruña, o Partido Popular comezou a mover as súas pezas de cara ao 2023 mentres o PSOE local entraba en combustión e convertía o Concello nun dos escenarios da súa loita polo liderado do partido en Galicia. Así, mentres o PSOE coruñés se encabuxa nunha desas batallas internas que se sabe ben cando empezan pero non cando rematan, o PP semella anticipar xa a súa candidatura ás vindeiras municipais.

A saída de Enrique Losada á fronte da APAC garante que polo menos a partir de agora haberá alguén con quen falar á outra beira do Muro. Cunha cifra de negocios lamentable e unha singular incapacidade para atraer novos inquilinos ao porto exterior, os continuos esbardalles políticos do presidente saínte non tiñan máis intención que a de desviar o foco da súa xestión cara a debates de moi escaso percorrido. Resultaba notoria, así mesmo, por contraria aos intereses da propia APAC, a súa ansia por executar un convenio, o de 2004, que obriga a vender a prezo de saldo os terreos do porto interior da Coruña para obter uns beneficios que, no mellor dos casos, estarían moi lonxe de cadrar unhas contas lastradas polo enorme peso da débeda da construción do porto exterior. Unha operación que torna aínda máis indecorosa logo da condonación da débeda do porto de Valencia polo moi valenciano ministro de Fomento, Ábalos.

Cómpre dicir neste sentido que a operación das Percebeiras senta un mal precedente no que se refire á salvagarda dos intereses públicos fronte ao das promotoras no solo portuario pendente de desafectar no futuro próximo. A Lei do Solo e a racionalidade urbanística sinalan como áreas de construción preferente, os soares e fincas baleiros do interior da trama urbana consolidada. Desde logo, unha zona verde lindeira cun barrio densamente poboado como Labañou non cae dentro desa categoría, e por iso consta como urbano non consolidado no PXOM. A mensaxe do PSOE coruñés aos promotores con ese xesto foi consciente e inequívoca: vólvese abrir a veda dos grandes desenvolvementos en terreos baldíos, e a gran parcela pendente de urbanizar na Coruña é, sen dúbida, o porto.

Está tamén fóra de toda dúbida, a actitude fraterna tanto de Fernández Prado como de Villoslada con quen precisa unha interpretación do PXOM favorable a iso que uns chaman "creación de riqueza" e outros chamamos pelotazo. Véxase no primeiro caso a privatización dos terreos da Solana e, no segundo, o xa citado exemplo das Percebeiras como ilustración desta afinidade compartida. Neste sentido, resulta preocupante a présa do goberno actual da Coruña por reescribir uns pactos sobre o futuro do porto que levan menos de dous anos subscritos por eles no Pleno, nos que se acordara destinalo, preferentemente, a usos produtivos vencellados coa economía do mar. En todo caso, cómpre lembrar que a liberalización dos peiraos suporía a desvalorización automática do resto do solo urbano da Coruña, e esa é unha perspectiva que tampouco desexan moitos dos grandes tenedores de solo da nosa cidade.