O ano Carvalho Calero, longa e xustamente agardado, viuse seriamente comprometido polas restricións impostas polo estado de alarma. A suspensión da actividade escolar presencial desde o mes de marzo sumada ás limitacións da mobilidade, contacto e ocupación de espazos supuxeron a cancelación, o adiamento ou a celebración limitada de moitos eventos previstos. A desexada homenaxe ficou así mutilada. Ninguén podía imaxinar hai só un ano as numerosas calamidades con que nos castigaría por sorpresa este ano 2020 comezando polas moitas vidas e facendas arruinadas pola pandemia de COVID-19.

Inevitabelmente, o ano Carvalho Calero penetrará no ano 2021. Diversas actividades pospostas e a edición de varias obras motivarán o protagonismo de Carvalho Calero nun ano moi complexo pola persistencia da pandemia e cunhas previsións de vacinación que ocupará boa parte de 2021. Moitas entidades e voces moi autorizadas reclamaron sen éxito que o ano dedicado ao polígrafo ferrolán se estendese excepcionalmente ao novo ano. A situacións excepcionais, medidas excepcionais.

Axudándose das tecnoloxías da información e a comunicación, o tecido cultural de base e tamén as entidades e institucións máis relevantes do país desenvolveron este ano un labor heroico para cumprir os seus obxectivos esenciais: divulgar entre a cidadanía a obra, o pensamento e o legado do fundador do Partido Galeguista, esclarecer todos os chanzos biográficos do membro do Seminario de Estudos Galegos, dimensionar a figura do primeiro catedrático universitario de galego no vizoso bosque da cultura galega do século XX.

Carvalho Calero foi musicado, investigado, lido, representado, reivindicado, divulgado, recoñecido, editado. Pero sempre nunha medida insuficiente e nunhas condicións extraordinarias. Infelizmente moitos dos seus libros máis representativos están descatalogados e non foron editados neste seu ano. Aínda así, don Ricardo foi confirmado coma un autor máis relevante do que algúns imaxinaban, cuxas ideas non perden vixencia dentro da ortodoxia galeguista e democrática e dotado dunha forza e unha altura ética que serven de exemplo aos cidadáns e cidadás máis comprometidos coa lingua, a literatura e a cultura de noso.

Arredor de Carvalho entidades e persoas con traxectorias e pensamento moi distantes deron neste ano 2020 unha lección ao comparecer xuntas en diversas iniciativas. É a mellor homenaxe cando se trata dun dos grandes intelectuais galegos, patrimonio da nación á que entregou unha obra e unha vida cuxos valores, agochados ou ignorados durante moitos anos, son agora máis visíbeis e incontestábeis.

Así as cousas, balance positivo a pesar do que queda por facer. Fíxose moito en circunstancias moi adversas. Moito hai que agradecer a quen contra vento e marea levantou a fermosa bandeira de don Ricardo, a mesma que erguera Rosalía e que de man en man fora chegando a don Ramón Otero Pedrayo, a Daniel Castelao, aos compañeiros e compañeiras de Carvalho en tantas iniciativas de vertebración do país.

Normalizar a figura de Carvalho, sacala dos armarios e os silencios que inxustamente o preteriron, era unha débeda que había que saldar. E en certa medida fíxose. Seguirase facendo en 2021 e sempre. Porque como escribimos na nosa biografía, os anxos son eternos. Sempre estarán aí.