Se para Calvo-Sotelo o 23-F foran “tres minutos dramáticos e dezasete horas grotescas”, no caso do asalto ao Capitolio por parte dos seguidores de Trump, ademais do dramatismo das catro mortes, entramos xa na categoría do bizarro, como lle corresponde a un movemento político dirixido por unha figura saída dos reality show.

Sen dúbida, o acontecido o Día de Reis en Washington pon de manifesto o profundo malestar de fondo na sociedade norteamericana e, por extensión, na occidental, máis das que é posible resumir en 500 palabras. Pasarémoslle revista ás que nos parecen máis relevantes.

1. O elemento militar. Por que foron quen de entrar no Capitolio os seguidores de Trump e non os milleiros de activistas mobilizados polo Black Lives Matter? Só hai unha resposta posible: pola complicidade das forzas armadas. Os estados occidentais enfróntanse aquí a un problema idéntico: os exércitos non reflicten a distribución ideolóxica das súas respectivas sociedades, senón que nas súas fileiras campan os elementos de extrema dereita. Estamos pagándolle o salario e armando entre todos un corpo no que, talvez, tres da cada cinco dos seus membros son de extrema dereita. No estado español, a relación entre Vox e os corpos armados está sobradamente demostrada, así como as conclusións derivadas do episodio da carta dos 400 militares xubilados ao rei Felipe VI.

2. TINA. There is not alternative, a frase de Margaret Thatcher de hai 30 anos conserva hoxe toda a súa vixencia. Se a esquerda non é quen de baixar o prezo da luz en pleno inverno ou, cando menos, impedir que suba, entón a solución aos efectos brutais dos mercados desregulados só pode chegar desde a dereita da dereita. Unha solución en falso, baseada unicamente na exclusión do outro (migrante, paria social) que se apropia dos recursos do estado e dos nosos traballos.

3. A Globalización. Logo de corenta anos denunciando os efectos brutais da Globalización para a clase traballadora —deslocalización e desmantelamento industrial, baixada dos salarios reais, etc.— desde as academias e no discurso, resulta inexplicable que a esquerda política aínda non propuxese unha verdadeira alternativa á Globalización. Neste sentido, a submisión de Tsipras á Troica é o perfecto contrapunto ao Brexit inglés. No estado español, a permanencia na UE de Maastricht, o encadre xeopolítico na OTAN ou a continuidade no EURO son anatema na esquerda estatalista, agás na marxinalidade roji-parda. Só desde as opcións de esquerda nacionalista atopamos os signos dunha crítica minimanente organizada, pero aínda non incorporada á centralidade do seu discurso.

4. O trumpismo permanece. Dá igual como se chame o seguinte Trump, as condicións que o crearon seguen intactas. En realidade, o acontecido no Capitolio non foi máis que a extensión cara ao interior da lóxica informativa da Guerra Fría: se onte era necesario invadir Guatemala para impedir que o tomasen os rusos, hoxe acontece outro tanto en Washington. A demonización da esquerda é o paso previo á súa deslexitimación e xustifica calquera acto de violencia contra ela, é dicir, o golpe de estado.