A pesar de seguir fielmente os designios de Washington respecto de Moscú desde o final da Guerra Fría. A pesar de apoiar con entusiasmo o desmembramento da antiga Iugoslavia, o nacionalismo de ultradereita ucraíno ou o delirante secesionismo bielorruso co mesmo cinismo co que onte aplaudiu a separación de Kosovo e Servia, Europa vese excluída hoxe da primeira rolda de vacinas que si gozan Gran Bretaña e Israel, os verdadeiros grandes aliados históricos dos Estados Unidos no hemisferio occidental.

Tamén podería estar acontecendo que estes dous países simplemente pagasen máis que a UE ás farmacéuticas norteamericanas, polos seus antídotos, que a man libérrima do mercado sexa a única que regula o funcionamento deste asunto, pero a Historia indícanos que hai leis superiores ás da Oferta e a Demanda: o núcleo duro do atlantismo, EEUU, Gran Bretaña e Israel salta primeiro ao bote salvavidas das vacinas do mundo libre. A UE vai despois.

“Hai que refundar o Capitalismo”, clamaba Sarkozy no outono de 2008 en plena primeira vaga destrutiva da Gran Recesión, mentres os grandes fondos especulativos internacionais se asañaban coa débeda soberana dos países da periferia europea. Moito tardou daquela a hogano santificada Merkel en permitir que o BCE rescatase os países chamados PIGS. De feito, Draghi fíxoo de xeito unilateral e sen agardar polo seu consentimento. Como era previsible, o Capitalismo non foi refundado en absoluto. A crise do 2008 consolidou aínda máis o reparto de traballo a nivel intraeuropeo, reforzando a relación de dependencia dos países da periferia respecto dos centrais coa ferramenta de dominación por excelencia: a débeda pública. Os países do sur, con España á cabeza da triste procesión, son agora verdadeiros adictos aos empréstitos do BCE que, de momento, lle son dosificados a uns xuros xenerosos do 1%. Aínda así, o custe anual do pagamento dos intereses da débeda atinxe xa os 30 mil millóns, é dicir, máis dunha quinta parte do custe das pensións, que é duns 135 mil millóns. A refundación do Capitalismo a nivel europeo supuxo, como vemos, para os estados do Sur, unha equiparación en termos de dependencia á relación entre os Estados Unidos e as súas Banana Republic de primeiros do XX.

Tampouco desta volta veremos refundar nada, nin tan sequera a nivel de discurso: o profundísimo malestar social patente nas nosas rúas esixe solucións concretas e inmediatas, e non toleraría as frivolidades retóricas dun político en apuros. Porén, as solucións inmediatas para saír do paso non van solucionar nada a medio prazo. Para rachar co círculo vicioso da dependencia cómpre revisar algúns dogmas inamovibles desde Maastricht e avanzar no control social da produción. En caso contrario, o que nos agarda é un novo ciclo regresivo e un aumento exponencial das desigualdades sociais, unha sociedade de ricos e pobres. A nivel galego, para explicarmos a nosa alternativa, abondaría con nacionalizar os saltos de auga e a AP-9 para poñer as primeiras pedras dun futuro menos angustioso que o que hoxe nos debuxan como inevitable.