Sen dúbida, unha das claves do éxito de Caballero foi a creación dunha identidade viguesa ao redor dun sentido de agravio colectivo: a Xunta róubanos. A Xunta está contra Vigo. A consigna cumpre cos dous grandes preceptos da eficacia en comunicación política: simplicidade e materia emocional.

Por suposto, o caballerismo non se reduce unicamente á exacerbación dun apego vitimista á cousa local, senón que ten outras capas de sentido máis complexas, mesmo tráxicas ás veces, que remiten ao seu inmediato precedente histórico e xeográfico: o vazquismo coruñés. Así, o localismo vigués, como o coruñés vazquista no seu día, defínese polo seu uso exclusivo, case histérico, do español, fronte á identidade nacional galego-falante que lle atribúen a esa Xunta que os marxina. Velaquí a parte tráxica do asunto: as mesmas claves da rendibilidade do PSOE en Vigo son contraditorias coa súa expansión no resto do País.

Deixando aparte outras consideracións, a eficacia do artefacto político é indiscutible. Así, a Xunta de Galicia é literalmente incapaz de pousar un pé en Vigo para facer ou desfacer nada e, con independencia dos seus investimentos na cidade, que son moitos, acaba sempre sendo acusada de antiviguesa.

Pola contra, na Coruña somos a cidade galega co peor ratio de investimento por habitante do período na Xunta de Feijóo. Os números son teimudos e calquera pode chegar a esa conclusión armado de moita paciencia e dunha calculadora analizando os dez últimos orzamentos da Xunta. Unhas contas das que, por certo, non se facilita nunca o dato desagregado por municipio, non vaia ser que o evidente resulte xa clamoroso.

O seu último gran investimento foi a infausta pasarela peonil de Marineda, esa suposta “escultura ao aire libre” que xa tivo que ser reparada máis veces que unha ponte de Calatrava. A arquitectura posmoderna non está feita para durar, que é un concepto do pasado.

Talvez por esta razón, para compensar a súa década longa de esquezo da Coruña, ultimamente vemos a Feijóo exercer practicamente de alcalde da nosa cidade. Referímonos, por suposto, á cuestión dos peiraos interiores que entregou por catro pesos a Ábalos, a cambio da promesa dun tren sen datas de execución nin de financiamento concretas.

Pero non só iso, tamén toma decisións de planeamento que son competencia exclusiva do Concello, anticipando cales han ser os usos que deben ter Batería, San Diego e Calvo Sotelo, sen que a alcaldía da Coruña pareza indignarse ante a usurpación clamorosa das súas funcións propias. Talvez o goberno municipal calcule que deixar sen argumentos de oposición ao PP local de cara ao 2023 compense cederlle a Feijóo o control absoluto da Coruña durante os dous anos que restan de mandato. Unha aposta arriscada, a de pensar que os coruñeses van premiar no futuro a cesión da súa soberanía á Xunta de Galicia.

En todo caso, algúns cremos que é mellor gobernar a nosa cidade desde María Pita que desde San Caetano, e que hai que dicirlle a Feijóo que A Coruña non se vende.