Primeiro de maio, un día para lembrar e reivindicar. Un día ao que chegamos cunha nova crise, que primeiro nos afectou a saúde e xa se está a espallar ao eido social e laboral. Cando aínda non nos recuperamos da anterior, cando “precario” é un adxectivo que acompaña a “emprego” demasiado acotío.

Precario é que una empresa como Repsol, con 600 millóns de beneficio en 2020, ameaza con poñer na rúa a 212 persoas para non ter que pagar as obras que farán que a refinería contamine menos. A transición ecolóxica, unha vez máis, cargada no lombo de quen traballa. Precario é que a fábrica de aluminios estea amezada de peche e en mans dun fondo voitre que ten máis directivos investigados por corrupción que idea de como xestionala.

Precario é o exército de falsos autónomos que leva paquetes ás nosas casas cada día para que poidamos manter as distancias. A pequena hostalería que respecta as restricións e sobrevive case sen axudas. As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar ou das escolas infantís, que coidan da vida e chegan xustas ao salario mínimo.

Precario é una Xunta que non executa o 35% do seu orzamento para Emprego. Ou ter na Coruña un goberno municipal que deixou sen gastar seis de cada dez euros neste eido. Todo isto mentres 800 postos de traballo foron destruídos entre xaneiro e marzo, e temos 2.200 persoas máis no paro que cando Inés Rey foi investida alcaldesa. Unha alcaldesa que non ten políticas propias e nin sequera escoita as da oposición. Démoslle ideas para rescatar A Coruña, co emprego como eixo, e seguimos agardando resposta.

É primeiro de maio, pero isto pasa todos días. Oxalá, en 2022, poidamos celebrar avances en lugar de lamentar retrocesos.

*Voceira da Marea Atlántica