Se hai un lugar neste país que desminte o tópico do carácter manso e conservador que nos atribúen aos galegos, ese é, sen dúbida, a vila mariñeira de Cangas do Morrazo. Unha regra que pode estenderse tamén ao conxunto da península que separa as rías de Vigo e Pontevedra, a vilas irmás da canguesa, como Moaña, Marín e Bueu. Como sempre, son a Historia e a composición social as que explican certas cousas que logo semellan eternas cando as denominan “espírito dos pobos”.

Cangas, pobo de traballadores do mar, foi tamén a localización escollida polos capitalistas cataláns que estableceron alí parte das primeiras industrias de conserva e salazón do peixe do noso país. A célebre baleeira de Massó, salvada da especulación urbanística en datas recentes grazas á mobilización e resistencia comunal da veciñanza, foi o último vestixio dun proceso inciado a mediados do XIX, e que deu lugar ao nacemento na vila dun vizoso movemento obreiro, de filiación sobre todo anarquista, estudado en profundidade polo historiador coruñés Dionisio Pereira no seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1936).

A represión franquista, e a vaga posterior de terror na retagarda, foi particularmente dura cos traballadores e traballadoras do Morrazo, rexistrándose episodios de fondeos, no que os cadáveres dos paseados eran guindados directamente no mar da Ría.

Ao contrario do que aconteceu noutras partes do estado e do noso país, o terror non foi a semente do medo e o silencio, senón que foi gardado no máis profundo da memoria colectiva, como proba da brutalidade dos amos cando ven ameazada a súa taxa de beneficio e obediencia absoluta.

Neste substrato, o da memoria tenaz dos vencidos, nace Carmen Graña Penedo, Carmiña, costureira de oficio, que nos anos 60 dá comezo na clandestinidade a un compromiso político coa súa nación e a súa clase que acabarían por convertela nun verdadeiro mito. Participa nas primeiras células da UPG na clandestinidade e agocha na súa casa o seu aparato de propaganda que, ao ser descuberto, obriga á súa fuxida ao estranxeiro, primeiro a Francia e logo en Portugal. Son os seus compañeiros de loita nese momento os camaradas do Partido, con Moncho Reboiras á fronte, e tamén outros nomes das redes de solidariedade interna do bando antifascista, como o MIL, de Salvador Puig Antich.

Máis adiante, en exercicio da súa coherencia ideolóxica, pasará a militar no bando do comunismo de praxe independentista. Primeiro na UPG-lp, logo no PGP e, finalmente, na FPG, á beira de compañeiros como Lois Soto ou Ferrín, así como no sindicalismo clasista, que naquela altura botaba man das motoserras para cortar as estradas do Morrazo en solidariedade cos mariñeiros expulsados do banco Canario-Sahariano.

Espello de militantes, dicíase cando aínda imperaban na esquerda os códigos de conduta da clase obreira: o compromiso, o traballo, a solidariedade. Un espello que nos devolve hoxe unha imaxe dura de nós mesmos, a dunha esquerda pueril e narcisista, que manexa os mesmos valores competitivos da cultura do emprendemento. Cómpre lembrar a Carmiña.