O pasado 27 de maio falecía a carballiñesa María Teresa Miras Portugal, doutora en Farmacia e catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular pola Universidade Complutense de Madrid. Era, ademais, presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia e unha das voces máis respectadas na investigación biomédica relativa á neurociencia, a ciencia do cerebro. Desde o seu grupo de investigación Neurotransmisión y señalización purinérgica publicou máis dun cento de artigos científicos, e o seu currículum vitae está repleto doutros méritos acadados tras medio século de carreira investigadora.

Aínda que non a coñecía en persoa nin era exactamente do mesmo ramo que o meu, de Teresa Miras interesoume esa extraordinaria produción científica e a excelente consideración que tiña entre os seus colegas investigadores e o seu alumnado. Mesturaba a constancia e exhaustividade no traballo de laboratorio cunha enorme capacidade resolutiva á hora de publicar en revistas científicas, e realizaba tamén unha máis que notable labor de divulgación. Era moi clara á hora de explicar en que consistía o traballo do seu grupo de investigación, e expresaba as súas opinións de modo incisivo pero correcto. Como exemplo, a entrevista que lle realizou en 2019 Carles Mesa na radio pública española, cando ela era xa Catedrática Emérita de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade Complutense de Madrid. Nesa interesantísima conversa, houbo algunhas reflexións máis que aproveitables:

–CM: “En época de vacas flacas, de lo que primero que se prescinde (…) es de la investigación. Yo no sé si en estos momentos hay financiación para nuevos proyectos…”.

–TM: “Una vergüenza (…) Estoy encantada de poder decir que es una estafa. El mundo de la ciencia hoy día, tal y como se distribuyen los proyectos, es una auténtica estafa”.

Logo engaden:

–CM: “Como gran conocedora de la universidad, tanto desde la docencia como de la investigación, ¿cuál es el estado de salud de la Universidad pública en España?”.

-–TM: “Por un lado, tengo que decir que hay un profesorado muy bueno (…) pero completamente atosigado por cantidad de burocracia, burocracia, burocracia. (…) Es decir, la capacidad creativa la vas absolutamente mermando dedicada a papeleo”.

–CM: “Con lo cual tampoco pueden investigar”.

–TM: “Con lo cual la capacidad de investigar te lleva a la categoría de mártir”.

Toda unha sorpresa escoitar estas verbas na radio pública, e máis procedente dunha das investigadoras máis relevantes no contexto galego e español, xa nunha etapa da súa vida na que as reivindicacións se deixan de lado en favor da tranquilidade. Así e todo, os problemas mencionados pola doutora Miras (falta de financiamento, exceso de burocracia, dificultade para conciliar docencia e investigación, etc.) son vox populi na Universidade e se mesturan con outros tamén enquistados desde hai tempo, salvo excepcións, no ámbito universitario español: Teresa Miras citou nunha entrevista na Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular que o sistema de selección de persoal non está optimizado, hai pouca eficiencia nas estruturas de apoio á investigación, existen eivas na formación e progreso do alumnado, etc. Todos estes problemas, apuntaba tamén a doutora Miras, son solventables cunha profunda revisión do sistema universitario (á propia Teresa Miras encomendóuselle desde o goberno español ese labor hai case unha década), pero cómpre interiorizar esa necesidade por parte de todos os estamentos da Universidade (non só por parte de alumnos, docentes e investigadores).

Sería extraordinario que no futuro houbese máis perfís como o de Teresa Miras na Universidade: traballo, carisma, empatía e rigor. Abofé que todo iría mellor.

Descanse en paz, mestra.

*Biólogo