Por buscarlle unha explicación ao nome do tramo da Nacional VI que une as ribeiras ártabras coruñesas cos primeiros outeiros da Serra da Loba, a Costa do Sal, diremos que o seu apelido debe proceder da cristalización do sodio que sementaban naquela estrada para evitar a formación de xeo. Se existen outras etimoloxías mellor fundadas, estaremos encantado de corrixir a nosa.

A Nacional VI segue con fidelidade o trazado dunha ruta previa, o Camiño Real, que conectaba A Coruña con Madrid desde o século XVIII, e polo que o viaxeiro inglés George Borrow chegou deica a nosa cidade, tentando arredar os paisanos, con escaso éxito, da interpretación romana da Biblia ofrecéndolles a posibilidade de acceder á súa lectura sen intermediarios. As rúas da nosa cidade lucían tan limpas daquela que seica se podía comer nelas sen falta de prato ou de cunca. Tiveron que pasar dous séculos e medio para que o malfadado goberno municipal mareante estragase para sempre e en menos de catro anos esta proeza da hixiene pública.

Volvendo á Costa do Sal. Hai cousa dun par de semanas fomos requiridos, Antón Sánchez e mais eu, a coñecer in situ o gran parque eólico que queren construír no Monte do Gato as eléctricas Greenalia —na que traballa quen fora conselleira de Medio Ambiente e candidata do PP á alcaldía da Coruña, Beatriz Mato— e Galenergy. O Monte do Gato, para quen non o coñeza, son as lombas de monte baixo que quedan á man dereita conforme un sube pola Costa do Sal á altura do concello de Oza-Cesures.

Isaura, Aranza, Mónica e Óscar é o nome das persoas que a tal hora organizan a resistencia popular na zona contra a instalación dun gran parque eólico de máis de 40 viraventos de 200 metros de altura e unha potencia total superior aos 120 megavatios, abondo para fornecer de luz a Coruña enteira. Leváronos a través dunha pista inzada de mámoas ata o lugar onde descansan as ruínas da torre do rei suevo Teodomiro. Desde aquela altura pódese divisar nun día sen brétema a Torre de Hércules ao lonxe e a comarca enteira das Mariñas.

A instalación desta poligonal cumpre, un por un, co modus operandi clásico na instalación de parques eólicos no noso país, como a falta dun trámite de consulta previa coa veciñanza afectada ou a súa fragmentación en unidades menores para evitar o limiar dos 50 megavatios que obriga facer un estudo de impacto ambiental. Así, no caso que nos ocupa, a futura poligonal é dividida en seis parques menores: o de Felga, Gato, Seselle, Feás, Penas Boas e Fontella, a pesar de compartiren as mesmas vías de acceso, liñas de alta, subestacións e outras infraestruturas comúns.

Di a conselleira de Industria, Ángeles Vázquez, que só un 23% do territorio galego está a disposición das eléctricas para instalaren novos parques eólicos. Parécelle pouco á conselleira unha cuarta parte do territorio? Vai acabar tamén ela a súa carreira nunha enerxética? Para quen traballa esta xente?