Os rianxeiros, e tamén Rafael Dieste e Manoel Antonio na súa obra, entendemos como “arreloadas” aquelas cousas turbias e revoltas. Este artigo pretende explicar as razóns do seu uso pois o adxectivo non está rexistrado nos repertorios lexicográficos académicos.

Hai máis de dez anos foi publicada en castelán por Anagrama a obra de Pierre Bayard titulada Cómo hablar de los libros que no se han leído. Defende nela o autor que a cultura non soamente está feita de lecturas, reivindicando como alternativa a estas a importancia dos indicios, dos comentarios escoitados e da conversación. Como paradigma da súa tese, a Biblia, un dos libros máis influíntes do mundo e apenas lido.

Mágoa que non coñecese o escritor francés, para poñer como exemplo, o caso galego doutro libro insólito que comezou a súa singradura textual nos primeiros anos do século XXI e malia non terse convertido en libro leva xerado un discurso de máis de cen páxinas de indicios, como quería Bayard, dispersas nun total de nove convenios asinados, varias páxinas descritivas con obxectivos especificados, outras tantas de reflexións, conferencias, videos e entrevistas coa autora, preguntas sen respostas etc., etc. No último plenario, según me din, adiantou a nosa sabia gramática ata o número de páxinas que vai ter a obra encargada, anunciando así a súa vocación de diagramadora por riba da súa profesión de lingüista.

En efecto Rosario Álvarez, exdirectora do ILG, extesoureira da RAG e actual presidenta do Consello da Cultura Galega, asinou un convenio no ano 2001 para a publicación dunha gramática. Hoxe, despois de vinte anos, catro presidentes e máis de 135.000 mil euros librados ao Instituto da Lingua Galega (si, dixen ben, 135.454,24 exactamente) a través de nove sucesivos convenios, estamos a devecer por unha gramática, Freixeiro Mato mediante. Non se preocupen os interesados no tema porque esteamos a falar dun libro que non existe porque xa sabemos da súa autoría coral e colaboradora, sabemos do editor e do título, sabemos da filosofía gramatical inspiradora, sabemos dos seus obxectivos malia que o libro non exista. Trátase, logo, dun libro surrealista, insólita colaboración galega á historia do libro inédito, do libro mudo. Teño noticias de que Jacobo Siruela vai incorporar este críptico proxecto da RAG á segunda edición do seu Libros secretos (Atalanta, 2015).

Sumemos agora outro convenio de 2010, coas mesmas institucións asinantes (ILGA-RAG) para facer un dicionario de apelidos por un importe de 78.768,72 co mesmo resultado de publicación aprazada. O teatro do absurdo de Ionesco ben podería dar paródica explicación destes feitos se non fose polos 214.222,96 euros invertidos procedentes do erario público e que formulan inevitables interrogantes de natureza ética e moral que debe respostar a sociedade. As reiteradas preguntas e reflexións que temos trasladado á executiva sobre este particular asunto non tiveron outra resposta que a descualificación persoal alegando o desprestixio e desprezo da institución por parte do interpelante.

Acaban de anunciar como todos os anos desde hai vinte a inminente aparición da gramática amortizada. Eu limítome a reiterar a petición, como premio á miña constancia, que como máximo impulsor da publicación da Gramática me citen nela aínda que sexa nun humilde acróstico ou no colofón, que case ninguén le.

Un coñecido ensaísta polaco, recentemente falecido, dicía que todos os xuízos e reflexións posibles caben entre dúas figuras literarias, a lítote (atenuación) e a hipérbole (esaxeración). Pois ben, nós, optando polo eufemismo, teremos que cualificar as persoas e institucións implicadas neste negocio de irresponsables, alomenos.

Se non se toman medidas contundentes no inmediato futuro sempre nos quedará a hipérbole para calificalas como merecen. Sen eufemismos.

Apuntamos, para rematar, que habitualmente os silencios e comportamentos deste tipo non son resultado do azar, responden a pactos que anoan a uns e outros a intereses inconfesables de moi distinta natureza e aos que nos referiremos en algún dos próximos artigos.