Dentro de trinta ou corenta anos deberemos explicarlle ás nosas fillas e netas como foi que deixamos o noso vento en mans privadas e alleas. Sen dúbida, estariamos a construírlles hoxe un futuro moi diferente se foramos quen de explotar os nosos propios recursos enerxéticos a través, por caso, dunha empresa pública de capital galego. Desgraciadamente, a do eólico está a punto de se converter xa unha oportunidade perdida para o noso país, con máis de 100 parques en tramitación que non van deixar aquí máis que as migallas dun negocio millonario.

O certo é que temos unha rica tradición no que a oportunidades perdidas se refire. Desde o lignito das Pontes e Meirama, deica os saltos de auga do Miño, do Sil ou do Xallas, ninguén lle fixo aínda a contabilidade á magnitude do espolio galego porque hai cousas que non che nunca che van explicar os de fóra. É unha mágoa que o vicio de roubar teña a súa palabra, cleptomanía, pero o de ser roubado non, porque desde logo esa é a nosa perversión nacional. En Galicia o espolio é arte.

Pero como nos amosa a ciencia médica, todo pode ir a peor. Se os cumes dos nosos montes e outeiros van ser todos eles axiña coroados por cadanseu muíño de vento de titularidade privada, outro tanto pasará co noso mar se deixamos que o presidente de Iberdrola, o salmantino Ignacio Sánchez Galán, o do abrazo con Feijóo no Obradoiro o día da súa investidura, faga e desfaga fronte ao Cabo Ortegal.

A intención de Iberdrola é a de construír dous xigantescos parques eólicos mariños entre Cedeira e Burela, aos que pretende alcumar, en homenaxe táctica ao santoral galego, San Cibrao e San Brandán. O primeiro deles contaría cunha extensión de 80 quilómetros cadrados e o segundo de 70, uns 1500 campos de fútbol en total. As frotas afectadas son todas as de baixura entre A Coruña e Ribadeo, pois caladoiros como os de “O Engaño”, “Favorita”, “Mar das sete curvas”, “Gato roído” ou “Alegría” son coñecidos por todos os patróns do norte, que pescan neles un 65% anual das súas capturas. Os devanditos proxectos foron presentados, ademais, de xeito unilateral pola empresa, sen consulta previa ás confrarías nin aos representantes dun sector tan importante para a economía galega como é o da pesca.

Dicía Aimé Cesaire que o que escandalizaba aos europeos da II Guerra Mundial é que os tratasen do mesmo xeito que eles levaban tratando os indíxenas nas súas colonias toda a vida. Hoxe vemos como o territorio galego o están a repartir as eléctricas españolas igual que a United Fruit ou a Anaconda Copper Company consideraban indiscutible o seu dereito a explotar en exclusiva a mellor parte das terras de cultivo guatemaltecas ou todo o cobre chileno. Porén, aquí ninguén se escandaliza de nada porque a colonización é unha doenza de pobres, propia de países subtropicais e recuados e, como todo o mundo sabe, isto non é Macondo.