Despois de dúas multitudinarias manifestacións populares de dó e repulsa na Coruña unha semana e media despois do asasinato de Samuel podemos concluír que o Concello non fixo practicamente nada ao respecto. Nin decretou nin un día de loito oficial. Nin pendurou unha bandeira co arco da vella no balcón de María Pita. Tampouco recibiron os heroes senegaleses Ibrahima e Magatte, que tentaron auxiliar a Samuel da horda humana que o axexaba para matalo. Parece que hai quen teme no goberno municipal que o terrible asasinato de Samuel poida supoñer unha perda para a reputación da cidade xusto en período estival e, por tanto, de visitantes. Quen así opine debe saber que, a tal hora, seguimos sen saber cal é a programación de festas do verán na Coruña. Se queren que veña xente de fóra visitarnos, deberían empezar por aí, e non por lamentar que a Coruña saia no parte por un motivo máis que merecido, como é un asasinato precedido do berro de maricón.

Porque se na Coruña somos unha cidade intolerante co odio cómpre facelo saber. É hora de recibir xa no Concello a Ibrahima e Magatte, os veciños senegaleses que axudaron a Samuel cando os seus asasinos o roldaban e de prestarlles o recoñecemento debido. E, a través deles, a toda a comunidade senegalesa da nosa cidade, que merece políticas públicas que favorezan a súa inclusión e permanencia entre nós. Eles demostraron ser, cos seus feitos, coruñeses de toda a vida facéndolle fronte ao lumpen homicida mentres outros miraban ou se apartaban. Un comportamento que comprendemos. O medo é libre.

Quen si vemos facer o seu traballo é a dereita mediática e social. Nestes últimos días un medio autodenominado con xusteza El Español emporcaba o bo nome doutra comunidade da nosa cidade, como son os Riazor Blues, asociando o seu bo nome co dos asasinos de Samuel. Unha campaña de intoxicación que amosa claramente cales son as súas intencións: desviar o foco do acontecido das formacións políticas de dereita e extrema dereita que levan décadas facendo apoloxía do odio racista e machista. Fano, como lles é propio, de maneira miserable e ruín, pero poñendo de manifesto unha vez máis a parálise dunha esquerda incapaz de comprender a magnitude do desafío ao que nos enfrontamos. Cómpre responder ás súas mensaxes de xeito análogo e inverso, expoñendo a verdade dos feitos e condenando a quen lles dá cobertura política.

Hai quen quere que esquezamos os crimes afastados de nós no tempo e tamén os recentes dos que, de xeito directo ou indirecto, se saben responsables. Nós estamos a favor da verdade, da xustiza e da reparación. Estamos a favor do loito oficial e público decretado polo Concello da Coruña. Estamos a favor da comunidade senegalesa da Coruña. Estamos a favor de que as nosas rúas sexan seguras para todas as razas, sexos, xéneros e xeitos de amar. Estamos a favor do odio unicamente á indiferenza. Estamos, como dixo o poeta, da outra banda do esquezo.