Afganistán é o lugar máis perigoso do mundo para ser muller neste momento. Segundo o Fondo de Poboación das Nacións Unidas (FPNU) nese país case o 90% das mulleres sofren violencia física psicolóxica ou sexual, o que significa que hai máis de 18 millóns de mulleres afectadas coa chegada dos talibán ao poder.

Colectivos de científicas de distintas disciplinas axuntamos esforzos ante a perda de dereitos e liberdades en Afganistán, porque consideramos que non podemos ficar pasivas. O noso compromiso coa educación, a formación, o desenvolvemento tecnolóxico e a mellora da calidade da vida para toda a sociedade, motivounos a enviar esta Carta Aberta ás administracións e ás entidades políticas deste país. Solicitamos tamén adhesións de investigadores, investigadoras e en xeral, de todas as persoas que consideran que esta crise humanitaria en Afganistán ha de paliarse e conterse. Reclamamos accións factibles.

Respecto a os acontecementos actuais en Afganistán, dentro do noso ámbito preocúpannos particularmente o retroceso na relevancia política, cultural, científica e tecnolóxica das mulleres, a dificultade de acceso das nenas á educación e de forma máis global, a súa capacidade para decidir o seu propio futuro.

Esta Carta Aberta é unha solicitude ás administracións españolas para que promova activamente (e a través de iniciativas internacionais) unha apertura segura das fronteiras. Reclamamos tamén un plan de emerxencia de recepción de refuxiadas e refuxiados afgáns, con particular atención ás mulleres, infancia e outros colectivos de risco.

Entre as medidas en materia de saúde e educación das persoas refuxiadas propoñemos:

1. Promover o acceso á educación dos nenos e nenas afgás. Entre as nenas afgás, un 87% da poboación feminina é analfabeta (FPNU).

2. Medidas de integración que inclúan ensino de idiomas, cursos de adaptación e formación e axudas financeiras. As nosas asociacións científicas, en particular, comprométense a apoiar e acoller no posible aos nosos e nosas colegas investigadoras e tecnólogas, e no caso das mulleres científicas, incluílas nos nosos programas de formación e desenvolvemento profesional.

3. Establecer un plan de atención e asistencia psicolóxica. Os abusos sexuais, a violencia de xénero e os matrimonios forzosos supoñen un grave prexuízo para estas mulleres que debería tratarse e paliarse.

Para a poboación que se mantén en Afganistán:

4. Esta situación de crise require múltiples medidas. Como mínimo, de forma inmediata, é necesario asegurar o mantemento das comunicacións (incluídas distintas redes sociais), para unha interlocución directa sen censura da poboación civil.

5. Impulsar o uso da ciencia e a tecnoloxía para monitorar represións a colectivos vulnerables.

6. Liderar accións que garantan os dereitos fundamentais da muller, prohibindo o matrimonio infantil, o sometemento da muller ao seu esposo ou a familiares masculinos que limiten a súa independencia e acceso ao mercado laboral. É importante que se recoñeza a súa identidade individual.

7. A Unión Europea debería asegurar estes dereitos básicos en Afganistán antes de tratar co novo goberno talibán. Animamos, por tanto, asinar esta Carta que facemos aberta a todas aquelas persoas ou colectivos interesados no tema, e á que animamos a sumarse ás administracións centrais e autonómicas. Así mesmo, facemos estas reclamacións extensibles a outras crises humanitarias. Non permitamos que a historia de opresión e discriminación das mulleres, xa non só afgás, se acrecente. É a nosa responsabilidade reclamar que cada persoa teña a súa voz e poida exercer os seus dereitos libremente.

* Marisol Soengas, vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre el cáncer (ASEICA); Ariana Fernández, presidenta da Asociación de mulleres científicas galegas A ciencia é feminino; María Mayán, coordinadora del Grupo Mujer y Ciencia de la Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular (SEBBM)