Estivemos a ler estes días O fillo do chofer, de Jordi Amat. O libro describe a peripecia vital do xornalista catalán Alfons Quintá durante o vertixinoso ciclo político da Transición española e resulta, ao mesmo tempo, a relación dunha traxedia persoal e histórica que non deixa de supurar aínda hoxe as miserias daqueles pactos secretos e transaccións vergoñentas.

Asombra que un personaxe con tan evidentes problemas mentais, que acabaría por se suicidar logo de asasinar á súa compañeira, acadase cotas tan altas de prestixio e mando no chamado cuarto poder, aínda que é sabido desde Deleuze que certos trazos psicóticos —insensibilidade, megalomanía e reconstrución revirada dos feitos— forma parte dos atributos persoais niso que chamamos as altas esferas do poder.

Quintá, que de neno visitaba a miúdo en coche co seu pai a casa de Josep Pla, de aí o título do libro, chega a ter nas súas mans información moi detallada sobre a situación de Banca Catalana cando era dirixida por Jordi Pujol, información que non chega a se facer pública ao completo porque o Estado precisaba naquela altura socios leais na periferia para gañar certa estabilidade logo do 23-F. Socios de quen se coñecen escuridades moi precisas que han garantir a súa lealdade durante o tempo necesario, e que poderán ser máis adiante destruídos.

Así, o Estado manobrou para que a trama de evasión de capitais de Banca Catalana, investigada por Jiménez Villarejo, non chegase ata as súas últimas consecuencias xurídicas, nun momento no que outros apelidos esgrevios do réxime aparecían envoltos tamén noutras turbiedades semellantes, entre eles, Garrigues Walker ou Diego Prado y Colón de Carvajal, irmán de Manuel, o administrador persoal do rei emérito, quen si acabaría sendo procesado e condenado polos seus seus tratos ilícitos cos Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudita a través de KIO. A onde fuches feliz non queiras volver, Juan Carlos.

Trucos de gran política florentina, Pujol acabou por converter quen podería chegar a ser o seu potencial Woodward e Bernstein, Quintá, no factótum dun dos seus maiores logros políticos: a TV3. A televisión pública catalá, verdadeira manía obsesiva de todo o unionismo español que leva décadas anunciando o seu peche, foi concibida como o espello dunha sociedade, a catalá, á que se consideraba culta, moderna e avanzada, moi por diante do nivel que naquela altura atinxía a sempre cínica e beata TVE. Abonda citar Polónia para demostrar a validez deste axioma.

Nada que ver co folclorismo cutre e a obscena propaganda partidista na que o Partido Popular converteu a TVG, síntoma, mellor ca ningún outro, da súa concepción de Galicia como un pobo inculto e atrasado ao que cómpre manter na mesma condición por todos os medios posibles, incluída a TVG. Así o levan denunciando desde hai máis de 170 semanas a súa plantilla nos Venres Negros, nun acto de verdadeira dignidade laboral e nacional. Así o proclama tamén o esclarecido Anxo Luxilde, un xornalista que, a diferenza de Alfons Quintá, está sempre no lado que cómpre, á contra.