Estivemos a ler estes días A voz de Santiago Casares Quiroga; documentos para a súa autobiografía, editados polos profesores Xosé Alfeirán e Ana Romero Masiá e publicado polo Instituto de Estudos coruñeses José Cornide no 70º aniversario do pasamento do político coruñés por antonomasia. A obra vai seguindo as pegadas da traxectoria pública de Casares Quiroga entre 1884 e 1931, é dicir, durante case a totalidade dese período histórico coñecido como Restauración borbónica que seguiu á caída da Primeira República, a cantonalista, primeira tentativa democrática de lle atopar encaixe no deseño constitucional á diversidade territorial do estado.

A Restauración borbónica ideada por Cánovas del Castillo —aquel líder conservador que dicía que era español quen non podía ser outra cousa— optou pola vía contraria: excluír das institucións as realidades sociais imposibles de integrar na súa idea preconcibida, unitaria e xerárquica do estado: o nacente movemento obreiro de signo sobre todo anarquista e socialista; os nacionalismos vasco, catalán e galego. A intención era gañar estabilidade ao custe da representatividade mediante un esquema de “turnismo” bipartidista que tiña como referencia a monarquía parlamentaria inglesa. Mais o reprimido sempre acaba por volver, e as tremendas desigualdades sociais e tensións territoriais acabarían por agromar nas eleccións municipais de abril do 31 dando paso á II República.

Durante a Restauración, o nivel local foi máis alto ao que tiveron acceso Casares Quiroga e os seus republicanos autónomos, a opción política hexemónica na Coruña naquela altura que, trasladada aos termos actuais, podería ser definida como “esquerda da esquerda”. Alén dese nivel, e do termo municipal da Coruña, imperaba o caciquismo que había prender con forza en solo galego e que subsiste aínda hoxe entre nós. Son outras moitas as continuidades entre aquel tempo e o de hoxe. Constatamos, por exemplo, que segue a ser igual de complicado municipalizar servizos públicos como a luz, a auga ou o transporte. Permanecen as mesmas liñas divisorias na prensa entre os partidarios de máis xustiza social e os defensores ferreños dun status quo corrompido pero eficaz á hora de preservar os privilexios dunha minoría. Observamos tamén como daquela o conflito político adoitaba resolverse de xeito violento con maior frecuencia ca hoxe: relucían periodicamente as navallas no Salón de Plenos de María Pita e caían os sabres nas testas, como a de don Santiago, cando ousaban reclamar na rúa a separación de poderes entre a Igrexa e o Estado. Preludio, tal vez, do gran incendio que estaba por vir e que retratou Rivas para sempre no seu Os libros arden mal.

Dicía o historiador catalán de orixe galega Enric Ucelay Da Cal que, con posterioridade a 1808, ningún sistema político durou máis de 50 anos no estado español. Á Transición réstanlle seis anos para acadar esa cifra e seguen no seu lugar os mesmos males de antano: a crecente desigualdade social provocada polo oligopolio económico, a incapacidade para lle atopar solución democrática á crise territorial, a corrupción xenética da monarquía borbónica. En España, lémbranolo o exemplo do tribuno de Panadeiras, o pasado nunca pasa.