Begoña Peñamaría, neta de Sergio Peñamaría de Llano, titulaba La amnesia histérica o seu artigo nestas páxinas, título pouco orixinal para unha persoa tan creativa, xa que non fai máis que copiar a definición que fai Vox de “Memoria Histórica”.

Fala duns “señores” (en realidade é a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña) que realizan “una persecución por medio de difamaciones”, cando a CRMH o único que fai é informar de que Peñamaría era en 1939 un dos oficiais ao mando do I Terzo da III Bandeira da Lexión, responsábel da represión na zona de Valdeorras, que participou directamente en execucións extraxudiciais, como está acreditado e contrastado en numerosas testemuñas da veciñanza, de familiares das persoas asasinadas e recollido en traballos de investigación de recoñecidas historiadoras.

Refírese á guerra civil e a “miles de muertos”. En Galiza non houbo un enfrontamento civil, senón un xenocidio co asasinato de máis de 5.000 persoas polo fascismo, entre elas máis de 50 alcaldes e presidentes de deputacións.

Sinala no seu artigo que “mi abuelo luchó en el bando nacional”, cando en realidade participou na sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 contra o Goberno lexítimo e democrático da República, que asasinou ao Alcalde da Coruña, Secretario do concello, Xefe de Intervención, Xefe de Negociado, Gobernador Civil, Gobernador Militar, Xeneral Xefe da VIII División Orgánica, dirixentes sindicais e políticos, como o presidente da Agrupación Socialista Coruñesa. O chamado “Réxime” era definido así na Resolución 39 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas: “De acordo coa súa orixe, natureza, estrutura e conduta xeral, o réxime de Franco é un réxime fascista baseado no modelo da Alemaña nazi de Hitler e a fascista de Mussolini”, é dicir, unha ditadura criminal.

Peñamaría de Llano non foi “obligado a vivir la guerra de forma activa”, como difunde a neta, senón que apoiou ese golpe de Estado desde o primeiro momento, incorporándose como voluntario ao exército fascista, e figura na Escala Militar con antigüidade desde o 20 de xullo de 1936. Cando acaba un cursiño como alférez provisional en decembro de 1936, continúa combatendo co exército franquista nas frontes do Ebro e Teruel. Como fiscal militar participa en Consellos de Guerra Sumarísimos con petición de numerosas penas de morte a loitadores antifascistas e ascende a Xeneral Auditor do Exército en 1978.

Poucas veces houbo tanta coincidencia á hora de valorar unha actuación represiva e criminal e o Pleno do Barco de Valdeorras de outubro de 2021, por unanimidade (10 concelleiros de PSOE, 5 do PP, 1 de BNG e 1 de Riada Cidadá), tomaba o seguinte acordo: “En orde a acadar a reparación moral e recuperar a dignidade da veciñanza de Valdeorras, tralos feitos acaecidos na represión franquista, a cargo de Peñamaría de Llano no noso concello, insta ao Concello da Coruña a tomar en consideración a proposta da CRMH da Coruña en orde a substituír o nome da rúa Alcalde Peñamaría de Llano polo de Mártires de Valdeorras”.

Fago miñas as palabras do historiador Dionisio Pereira: “Eu acredito na dor e no desasosego que padecen os achegados aos presuntos represores, cando a persistente brétema do esquecemento comeza a se levantar tras o traballo das persoas comprometidas coa recuperación da ‘memoria dos vencidos’, dando a coñecer os brutais episodios nos que hipoteticamente puido estar implicado o seu devanceiro. Unha dor de seguro incomparable á padecida polas familias das vítimas do franquismo”.

Aquí non hai “resentimiento”, nin ánimo de vinganza. O único que reclamamos, o mesmo que os organismos internacionais de dereitos humanos, é VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN. Se a neta de Peñamaría considera que se mancha a “honorabilidad” do seu avó por medio de “testimonios no contrastados”, debería acudir aos tribunais de xustiza. Finalmente, invito a Begoña Peñamaría a participar nun debate público coa participación de historiadoras de Valdeorras.

*Manuel Monge é sociólogo, vítima do franquismo, promotor da CRMH e presidente de 2007 a 2011.