La patrie reconnaissante. Este é o lema que preside o frontispicio do Panteón de París. No seu interior están poderosos nomes que deron luminiscencia á historia de Francia: Rousseau, Victor Hugo, Monnet, Dumas... Frase e edificio honran a memoria de quen contribuíron ao progreso material e intelectual do país galo.

Aquí, na nosa terra, temos un lugar máis humilde pro idéntico no propósito: Panteón de Galegos Ilustres, sito en Bonaval. Un espazo blindado pola luz vertical das vidreiras góticas e polo eterno granito infranqueable ao devalar dos anos. Velaquí repousan os corpos de Rosalía, Castelao, Brañas, Fontán, Asorey e Cabanillas.

Este espazo débeselle ao cerebro do Rexurdimento: Manuel Murguía. Xa en 1865 reclamara un sitio digno para o defunto Pastor Díaz co fin de inaugurar o panteón nacional. Daquela non foi. Pro Murguía, testán até na vitoria, si o conseguiría en 1891 cando trasladen a Bonaval o corpo da súa dona, Rosalía, nun multitudinario acto popular.

Precisamente na peregrinación de Rosalía, de Padrón a Santiago, tivo protagonismo o Concello da Coruña. A súa implicación foi notable porque a cidade fora, durante varios anos, o hábitat da falecida e seguía sendo o acubillo de Murguía e familia.

Estes días abriuse ao público unha expo que explica a relación do matrimonio Murguía de Castro coa cabeza e garda do Reino de Galicia. En Rego de Auga (que fermoso topónimo florece entre a vida urbana!) estivo a Cova Céltica. Nela Murguía departía cos amigos. Arredor da conversa, de candencia pausada coma quen sopla o vidro dun fanal de soños, compuxéronse ideas logo convertidas en feito: a escultura aos Mártires de Carral ou a Real Academia Galega. Dende o corazón da Coruña, Murguía pensou no conxunto galaico.

Porén, de maneira paradoxal, Murguía descansa nunha humildísima tomba en Santo Amaro. O home que pensou, deseñou, organizou e executou tantas iniciativas que deron aire e lume, ouro e aceiro ao Rexurdimento, está enterrado baixo unha campa sen rostro e sob a sombra dunha cruz con letras castelás.

Días pasados o Concello da Coruña recibiu unha proposta, sinxela de executar pro con trascendencia infinita, da Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística.

Trátase de erguer un mausoleo con pedra do país que dignifique o ser de Manuel Murguía. E poñer nunha placa gravada en letras galegas a homenaxe eterna da cal é acreedor. Esta é unha ocasión para A Coruña volva ser città aperta da cultura galega. Nesta idea pódese reunir o esforzo común da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e da propia Real Academia Galega.

A Coruña pode colocar sobre ese futuro mausoleo a mesma consigna que habita en París: A patria agradecida. Todo o pobo galego recoñecerase nela. Entrementres, Murguía pódese contentar ao saberse enterrado, óso con ósos e alma con almas, cos seus fillos Alejandra, Ovidio, Amara, Aura e Gala.