Para Darío X. Cabana, que navegou por estes mares. In memoriam

Probablemente para aquilatar e trazar o perfil dunha cultura sexa máis importante acudir á paisaxe editorial da mesma que ao mundo académico, illado e divorciado da sociedade na maior parte da súa historia. É mágoa, por este motivo, que non dispoñamos dunha historia da edición en Galicia malia os numerosos e importante achegamentos ao tema.

Non é fácil narrar a historia dunha editorial, case sempre sentida como negocio descoidando a faceta artística, menos visible e escasamente valorada debido aos múltiples intereses que pode suscitar nun filólogo (interesado no texto e no autor), nun historiador (que pode querer estudar os intereses económicos da empresa), nun sociólogo (interesado na influencia que exerceron as edicións sobre a sociedade) ou nun historiador de arte (interesado no grafismo, na diagramación e na ilustración), etc., etc.

Se queremos ponderar a calidade dun futbolista dispoñemos, sen ter que recorrer a un dicionario, dun número variado de adxetivos que xa escasean cando queremos referírmonos a un escritor ou a un científico e desaparecen se queremos calificar un editor, profesión de difícil definición. Coido que é Roberto Calasso, non dei localizado a cita concreta, quen define como bo editor a aquel que publica unicamente a décima parte dos libros que debería publicar. Definición que indica que editar é un negocio difícil e, engadimos nós, editar poesía un negocio imposible. De aquí a nosa admiración por algúns poetas que teimaron por editar poesía en Galicia despois de rematada a guerra provocada polo levantamento franquista cando as empresas editoras refugaban do xénero por motivos económicos. Esta circunstancia provocou o achegamento de certos poetas mozos á aventura editorial, máis interesados en publicarse que en instalarse como empresarios dun negocio imposible. Tal é o caso da colección de poesía Benito Soto de Pontevedra proxectada por Emilio Álvarez Negreira que contou coas facilidades da imprenta que o pai de Sabino Torres, un dos mozos fundadores, tiña na rúa de Don Filiberto da cidade do Lérez. Non sen certos atrancos, chegaron a publicar 13 títulos entre os que están os poemarios dos fundadores Emilio Nogueira e Sabino Torres ao lado de Cunqueiro, Tomás Barros, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Manuel María ou Carballo Calero.

Con non moi diferente intención comezou pouco despois a colección de poesía Xistral en 1952 con cinco títulos en galego que Manuel María coidará e xestionará co mecenado da peña do café Méndez Núñez. Entre estes poemarios, hoxe emblemáticos, figuran obras de Luz Pozo Garza (O paxaro na boca, 1952), Pura Vázquez (Poemas pendurados de un cabelo, 1952) ao lado de outros títulos de Carballo Calero e Casado Nieto. Volverá Xistral na década dos sesenta coa colección Val de Lemos para publicar aos poetas mozos como Darío X. Cabana ou Margarita Ledo.

Maior alento e vocación de permanencia terán as edicións Monterrey e Castrelos de Xosé Mª Álvarez Bázquez, alternativas culturais de Galaxia, con vocación popular fronte do elitismo humanista da editorial perfilada por Ramón Piñeiro. Malia que non son proxectos exclusivamente poéticos, son soños de futuro dun poeta.

Non podemos esquecer outros proxectos poéticos inspirados por poetas como Espiral Maior, Apiario ou Chan de Pólvora aos que dedicaremos a nosa homenaxe e lembranza en futuros artigos. Beizóns a todos eles pola súa xenerosidade e esforzo.