Villar del Río, provincia de Soria, 127 quilómetros cadrados e 145 habitantes segundo o censo de 2021, foi o escenario daquela obra mestra da elíptica da censura que foi Bienvenido Mister Marshall, o filme que con guión de Miguel Mihura, Juan Antonio Bardem e do propio Luis García Berlanga, quen oficiaba tamén de director. “Americanos, os saludamos con alegría”, cantaban os paisanos da vila ataviados de traxe e dicción andaluza, nunha escena que constitúe o cerne da iconografía do cine español. Un dos veciños soñaba, a noite anterior á chegada dos americanos, que desde un avión lle guindaban un tractor en paracaídas, símbolo máximo do progreso e da técnica que o había emancipar por sempre da servidume do traballo corporal e da fame. Os americanos, é sabido, pasaron sen parar en Villar del Río, e aquela aldraxe fílmica acabaría por acadar a categoría de maldición política deica hoxe. A gran arte acaba sendo visionaria.

Sen dúbida, a noticia das últimas eleccións castelás e leonesas é a emerxencia deste novo suxeito político que vén representar aquilo que chamaron “La España vaciada”, e que ficou sempre fóra das axendas dos grandes partidos sistémicos. Porque o centralismo español, quer na súa variante xacobina, quer na nacionalista, fracasou sempre no que debera ser un dos seus grandes obxectivos: a cohesión territorial do estado. Outras demandas pesaron máis: a da relación directa entre peso demográfico e peso político, por exemplo, e foron acumulando a evidencia de que o progreso (o tren, a autoestrada, a industria) nunca darían chegado a Soria. Un desprezo histórico que acabou por abrollar definitivamente este domingo en forma de novo suxeito político. Grazas Berlanga.

Os grandes resultados da Unión del Pueblo Leonés, parécenos, xa teñen outro sentido e outra historia. Un que cuestiona o propio modelo territorial plasmado no estado das autonomías, e que tiña entre as súas prioridades inconfesables esborrallar, na medida do posible, os restos das identidades nacionais precedentes consideradas de segunda orde, particularismos ou material reservado unicamente para uso de frikis medievalistas. León non acaba de ser Castela, tantos séculos despois de Santa Gadea. Por demais, non deu remontado Casado o desastre de Casero: Non se van conformar agora os neofalanxistas de Vox co papel de comparsa no futuro goberno autonómico. Ao contrario, eles foron os verdadeiros gañadores da noite do domingo e van querer levar agora o seu programa ás institucións. Talvez será ese o momento no que por fin descubran os casteláns e os leoneses a súa inanidade política: nin o odio aos cataláns nin moito menos a xenofobia van coutar o devalo demográfico. Tampouco as macrogranxas e os cazadores van axudar a levantar moito o PIB autonómico. Os problemas dos casteláns e leoneses son máis fondos, atinxen ao modelo de estado, e non teñen solución dentro do paradigma neoliberal que os verdes representan. O PP, que seica non podía confiar en Cs logo de Murcia, foise encerrar con Vox no cuarto escuro da historia contemporánea española. Un pesadelo do que nunca damos espertado.