En 1980 estreouse o documental Rocío de Fernando Ruíz de Vergara, a primeira película secuestrada no estado español tras a aprobación da Constitución do 78. O filme —que está dispoñible de xeito gratuíto na Rede— retrataba, con máis vontade antropolóxica que devocional, a xénese da veneración á Branca Paloma: promoción do culto mariano no ronsel da Contrarreforma como un xeito de fomentar a relixiosidade popular —irmandades, peregrinacións, milagres, reliquias, etc.— que ata ese momento fora refugada pola xerarquía eclesiástica como restos do culto pagán precedente mais que, en comparación cos riscos dunha Reforma luterana que cuestionaba a razón de ser da propia Igrexa católica como mediadora entre o home e deus resultaba, a verdade, un mal incomparablemente menor.

O documental está realizado con aquel apetito de transgresión formal e verdade histórica que caracterizaba as producións artísticas da esquerda da época e que hoxe botamos tanto en falta. A experimentación estética xa non garante agora a exploración dos límites da censura, senón que, máis ben, adoita aparecer escindida desta e transformada en fetiche, é dicir, Posmodernidade. Volvendo co documental, o que o tornaba explosivo era a evidencia da vinculación dalgún dos membros da irmandade principal, ricos terratenentes, coa represión brutal dos xornaleiros sen terra e líderes do sindicalismo agrario durante os primeiros días da Guerra Civil, que cometeran o erro de votar sempre e masivamente pola reforma agraria. Transgredía Ruíz de Vergara o gran pacto de silencio da Transición e recibía o seu xusto castigo: silencio e marxinación.

Lembrei o documental do Rocío nestas datas de paixón ao saber que, Luís Medina, un dos estraperlistas cachados no negocio millonario das mascarillas mercadas polo Concello de Madrid durante a crise da COVID, vén sendo nada menos que descendente directo de Rafael Medina, aqueloutro Duque de Medianaceli falanxista e célebre paseador de labregos desarmados no verán do 36. Toda unha tradición de rapina e latrocinio continuada ao longo dos séculos que segue atopando hoxe o seu sitio no cume do santoral laico das revistas do corazón baixo o epígrafe de solteiro de ouro. Iates e rólex deben ser os substitutos dos cabalos e armaduras de antano pero, alén diso, os hábitos e modo de vida da nobreza española ao longo da historia resultan similares: roldar pola Corte na procura de prebendas do soberano, séxao este pola graza divina ou por maioría democrática.

A España eterna, a dos grandes lafifundistas agrarios, a da Igrexa e os Grandes de España que veñen conservando ou aumentando o seu patrimonio case sen erro desde a Idade Media, segue vixente e considera o usufruto do estado un dereito gañado no berce. A España da man morta dos bens eclesiásticos e das inmensas fincas de caza dos señoritos andaluces permanece no seu mesmo lugar, no poder, e basea o seu estatus no puro dereito de conquista: unha casta privilexiada que soubo resistir onte, coas armas na man, a ameaza da reforma agraria defendida por uns chaíñas armados unicamente cos seus propios votos e coas razóns da xustiza social.