Que as políticas de mobilidade deben asumir, de forma inaprazable, unha orientación progresiva e crecente cara á descarbonización e a sustentabilidade é un feito xa aceptado polo conxunto da sociedade.

Do acento que poñamos nese sesgo ambiental dependerá, non só o valor ético do noso legado como servidores públicos senón, tamén, a propia capacidade de actuar desde as administracións. É así porque, afortunadamente, tanto o marco normativo como os requisitos de acceso ao financiamento europeo guían cada vez máis os nosos pasos cara a ese camiño ineludible.

Nese contexto, o desafío dos gobernantes consiste en estender a concienciación colectiva, pero, tamén, en ser quen de poñer ao servizo dos cidadáns infraestruturas e servizos útiles, atractivos e eficaces que lles persuadan a apostar por soportes máis “limpos” e tamén saúdables para os seus desprazamentos cotiáns. Trátase de proporcionarlles soportes que permitan percibir a mobilidade sostible máis como un beneficio ca coma un sacrificio.

Abordar ese reto con éxito require realizar unha aposta rotunda polo transporte público, con medidas do calado da tarxeta Xente Nova da Xunta, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis no autobús; en facilitar o acceso ao mesmo con infraestruturas como a estación de intermodal que nos vindeiros meses comezará a materializarse en San Cristóbal; ou en ofrecer itinerarios peonís que permitan acceder aos equipamentos sen coller o coche pero de forma segura, como fai a pasarela de Marineda.

Ethel Vázquez Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

As bases están sentadas. Agora, a oportunidade extraordinaria de financiamento que constitúe o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, cos seus fondos Next Generarion EU, chega a nós, ás administracións, como un convite á valentía, a dar un salto e intensificar o ritmo desa transformación imprescindible.

Os criterios establecidos polo Goberno de España para o destino desta potente inxección financeira restrinxen polo momento o radio de acción aos límites dos grandes centros urbanos, que, certamente, en Galicia representan a penas o 2% do territorio.

O noso deber, é, en todo caso, esforzarnos por aproveitar ao máximo esta ocasión, contribuíndo á reconstrución da economía e do emprego tras a pandemia co impulso dun conxunto de revulsivos para mudar os hábitos de mobilidade, xa sexan os vinculados ao traballo e ao ensino, ligados aos servizos públicos ou para integrarse nas alternativas de lecer.

A Coruña, como o resto das cidades galegas, pode e debe ser un exemplo na aposta polos desprazamentos sostibles e saudables e a Xunta quere facilitar que así o faga. En cada unha das sete urbes propón unha ou varias actuacións de calado para reducir as emisións contaminantes asociadas a un dos grandes focos de produción: o transporte.

A pasarela proposta sobre a ría do Burgo, para cumprir o vello soño da cidade de conectar Oza e de Santa Cristina é, sen lugar a dúbidas, unha iniciativa singular.

Tras ela está a vontade de proporcionar un longo itinerario sostible que conecte o paseo marítimo da Coruña coas Xubias, co Novo Chuac, co hospital e a praia de Oza e co concello veciño de Oleiros a través dese gran centro de ocio e lecer que é a praia de Santa Cristina. Por que non?

O momento é agora. Chegou o tempo de pasar do plano teórico ao práctico, das intencións aos feitos, porque este tren que chega de Europa non espera e todo apunta a que vai tardar en volver a pasar. Non podemos permitirnos seguir abordando a mobilidade sostible como un ideal futuro sobre o que debatir eternamente.

Necesitamos traballar con propostas concretas, viables desde o punto de vista técnico, económico e ambiental e con visos de resultar eficaces para os fins perseguidos.

E aínda que todas as opinións son válidas, precisamos abordar as ideas de acción co rigor, a seriedade e o espírito construtivo que require toda vocación de progreso.

Minimizar o impacto ambiental da pasarela é consubstancial á propia proposta da Fundación Enxeñería Civil de Galicia que sustenta a iniciativa da Xunta. Trátase de trazar só unha liña no horizonte, unha alfombra sobre a ría.

Nos últimos anos, Galicia tivo o tino de dotarse dun completo corpus normativo que garante a preservación dos seus valores naturais, a ordenación do seu territorio e, tamén, de forma concreta, do seu litoral, e, ademais, da súa paisaxe. O Goberno galego que impulsou este camiño é o máis interesado en seguilo sen desviacións.

A pasarela sobre a ría do Burgo é, de momento, unha proposta para facilitar a mobilidade da Coruña cunha iniciativa beneficiosa e transformadora, factible desde todos os puntos de vista e concibida desde o máximo respecto ambiental.

Os trámites que quedan por diante servirán para definir con exactitude o mellor xeito de materializala. Convido a todos os que lles preocupa a cidade e apoian a descarbonización da mobilidade a implicarse sen máis motivacións que esas para conseguir facer realidade este cambio.