Houbo un tempo, que aínda debe durar, no que a máxima aspiración dos mozos de clase obreira da Costa da Morte era chegar a ter un día un Golf ou un BMW. Para a xeración anterior, a dos seus pais, a da emigración centroeuropea e o traballo e o aforro como obrigas conxénitas, a adquisición dun piso ou un baixo na Coruña ou Santiago era o destino preferente dos seus investimentos. Na xeración anterior, a da Guerra Civil e a emigración americana, a terra seguía sendo o patrón ouro e único valor seguro para os seus aforros no caso de que decidisen regresar da outra beira do Atlántico para se converter no che da súa aldea natal.

A diferenza das xeracións anteriores, cando existía unha coherencia entre medios e fins, é dicir, cando a materialización dos seus desexos mediante o esforzo podía obrar, ás veces, os soños procurados —seguridade material, desclasamento nos casos máis afortunados— para a xeración dos netos, a posesión do coche non consuma ningunha aspiración de ascenso social senón que simplemente a simboliza. É dicir, a realización do desexo de posuír un coche de alta gama, aínda que sexa de segunda man ou de imitación, tuneado, o que expresa é a propia vontade de desclasamento, non a súa consumación. Por iso os avós xulgaban con desgusto as aspiracións dos netos propios —ou dos veciños con maior clarividencia— descualificándoas como o que eran, cousas que se facían “para aparentar”.

Na Coruña existen unha morea de necesidades por cubrir no que atinxe ao deporte de base e de mantemento. Desde a piscina do Castrillón, convertida nunha especie de maldición administrativa, ata a propia situación de precariedade endémica dos conserxes da área. Tamén temos falta dunha cidade deportiva digna dese nome, dun pavillón dos deportes capaz de albergar torneos de entidade media ou de instalacións municipais para a práctica de todas as disciplinas vinculadas ao atletismo, que son moitas. Faltan monitores e adestradores especializados no traballo coa rapazada en diversas disciplinas deportivas, desde o xadrez, a esgrima ou o ciclismo en pista, que tamén requiren, nalgúns casos, de instalacións específicas. Resulta tamén sorprendente que, no endémico debate sobre o futuro de San Diego, non se falase aínda sobre a posibilidade de construír alí parte destes equipamentos deportivos que acabo de citar ou outros que se consideren precisos, pois A Coruña conta, polo seu clima e morfoloxía, coas condicións necesarias para se converter nunha cidade de referencia na práctica do deporte, tanto de competición, como de base e mantemento.

Porén, o que sabemos ata o de agora sobre o proxecto de ampliar Riazor para albergar unha das sedes do Mundial de 2030 que hipoteticamente se celebrará en España e Portugal vai xusto na dirección contraria. Non resolve ningunha das necesidades devanditas, nin tampouco as futuras do Deportivo que, aínda que conta cunha afección heroicamente fiel, non é previsible que vaia duplicar o seu número nos vindeiros dez anos. Estamos de novo ante políticas para aparentar que non resolven as nosas necesidades básicas.