“Casas consistoriales de la muy noble y muy leal ciudad de La Coruña, cabeza, guarda y llave, fuerza y antemural del Reino de Galicia ”. Sempre me impresionaron estas palabras escritas na pedra do frontispicio do pazo municipal de María Pita nas que á rotundidade expresiva da linguaxe heráldica, con esa recua de nomes en función adxectiva —cabeza, garda, chave, forza, antemural— se lle engade o talento literario, coa patente harmonía fónica entre os seus sons e sabia colocación dos acentos. Descoñezo quen a escribiu, se é unha frase contemporánea á construción do edificio na primeira década do XX ou foi rescatada do vocativo coruñés no cabezallo dalgún documento público medieval. En todo caso, o que máis chamou sempre a miña atención foi a alusión ao Reino de Galicia, como tamén lle acontece a moitos turistas e visitantes da nosa cidade a primeira vez que reparan nel. Estamos no tempo da Restauración borbónica e nin Alfonso XIII nin Antonio Maura eran desde logo sospeitosos de simpatizar coas arelas redencionistas do rexionalismo galego organizado naquela altura ao redor de Murguía e na experiencia política frustrada de Solidaridad Gallega.

Aínda así, todo pode ir a peor: teño a certeza de que se hoxe tentásemos construír un novo edificio do concello na Coruña sería imposible incluír na súa fachada unha referencia ao Reino de Galicia. E non só porque vivamos, como así é, en tempos máis asépticos nos que predomina a neutralidade ideolóxica na linguaxe administrativa. Acontece tamén que, na batalla historiográfica en curso, a tese da hexemonía castelá na conformación do que acabará sendo o Reino de España, exclúe completamente a existencia doutras entidades protonacionais relevantes en competencia con Castela e, nomeadamente, do Reino de Galicia. A pesar de que Galicia era o nome que recibía a parte cristiá da Península Ibérica nos mapas e documentos andalusís medievais; a pesar da importancia central da Catedral de Santiago de Compostela e do Camiño na construción a idea de Europa; a pesar de ser o galego a lingua culta da época, o lugar onde eran educados ao nacer e soterrados ao morrer reis cristiáns considerados leoneses e asturianos e de centos de probas máis, o Reino de Galicia segue sendo hoxe un espectro histórico, un concepto en disputa, excluído mesmo da historiografía española moderna considerada integradora e que semella concibida toda ela por descendentes directos de Menéndez Pelayo.

Nun fermoso poema, aquel xenio absoluto que foi Luís Seoane reconstruía a malleira á raíña dona Urraca por parte do pobo miúdo compostelán. Non moi lonxe dela debían roldar Xelmírez, o Conde de Traba, Raimundo de Borgoña e o seu fillo, aínda cativo, o futuro rei Alfonso VII, nado en Caldas de Reis. Máis adiante e, como represalia, este facilitaría a segregación do Condado de Portugal do Reino de Galicia, coutándolle deste xeito a súa expansión natural cara ao sur, cara a súa taifa tributaria de Badaxoz. Nunca os novos localistas coruñeses comprenderán a importancia histórica deste episodio que si recoñecían os políticos da Restauración.