Unha vez máis confesámonos debedores do Padre Sarmiento para autorizar hoxe o título deste artigo. O significado que encerra esta expresión latina ten relación indirecta co exceso de libros que se editan desde a invención da imprenta, circunstancia notada desde tempos remotos pois xa o escritor e diplomático Saavedra Fajardo (1584-1648), culpaba dos demasiados libros, por unha parte á imprenta que facilita a súa edición e circulación e, por outra parte, ao atrevemento de determinados autores ávidos de converter o saber en mercancía.

Actualmente, se temos en conta que se publican cada ano no mundo case un millón e medio de libros, máis de dous libros por minuto, o problema agudizouse. Con razón Pedro Salinas na súa obra El Defensor (Colombia, 1948) propón, para loitar contra o problema dos demasiados libros, acollerse ao reino das limitacións aceptadas: asumir que calquera selección implica renunciar a algo e resignarse a non sabelo todo de todo, tendo en conta amais que moitas veces a lectura, segue a dicir o autor, non denota apetito de saber, máis ben é indicio de vaidade, afán de lucir e aparentar.

A esencia da vida cultural e literaria está, en parte, na lectura, actividade persoal e solitaria que pode transformarse en solidaria mediante a conversación entre lectores. Hai, non obstante, para evitar traballo unha serie de actividades alternativas encamiñadas a proclamarnos cultos sen necesidade de ler: coñecer nomes de autores e títulos por anuncios, solapas de libros, artigos, entrevistas, chismes literarios, ceas de homenaxe e presentacións de libros, comentarios periodísticos, etc. Deste xeito o verdadeiramente importante non ocorre no libro e na súa lectura, radica nos actos sociais que o celebran.

Desta liña alternativa e mundana parte Pierre Bayard na súa obra Cómo hablar sobre libros que no se han leído (Anagrama, 2008) exemplificando coa Biblia, o libro máis comentado e citado do universo, apenas lido pero dabondo coñecido mediante predicadores, moralistas e glosadores e toda clase.

Sarmiento (1695-1772) na súa obra Discurso Apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares encárgase nas primeiras páxinas de facer a gabanza da disciplina etimolóxica, con escasas bases científicas na súa época; as restantes están dedicadas a idear un Onomástico latino-galego-castelán para que os nenos galegos poidan aprender a súa lingua nativa sen traumas.

Nesta obr a relata o bieito unha anécdota na que ao mesmo tempo que se burla das persoas que aparentan ter moitos libros lidos, critica a inclinación dos portugueses a chufarse, unha opinión dabondo presente na obra do ilustrado galego. A anécdota trata dun español e un portugués que, cousa natural, falan de libros nunha librería. O español comezou a citar numerosos títulos suxeridos pola presenza dos mesmos nos anaqueis da librería e o portugués deseguida respondía: “teño visto”. Canso o español de tanta sabiduría díxolle que semellaba que tiña visto todos os libros nemine dempto (expresión culta entre latinistas que podemos traducir por “sen excepción”, “sen que falte nada”). Pero o portugués ignorante do significado da expresión latina respone rotundo: “Tamén teño visto a Nemine dempto” confundindo un ablativo absoluto do verbo “demo” que garda paralelismo construtivo con “nemine discrepante”, co título dun libro.

Retrata deste xeito Sarmiento a aquelas persoas que, sabedoras do prestixio da lectura, simulan ter lido case todo. Algúns indirectamente expresan a súa fachenda apuntando que poseen miles de libros como se non soubésemos que non é posible ler moitos máis de cinco mil na vida cumprida dunha persoa.

Sen dúbida, engadimos pola nosa parte, existen moitos máis coleccionistas de libros, que tamén poden coleccionar bolboretas, que lectores.