Opinión

Xosé Luís Axeitos Académico numerario da RAG

Libros e libreiros no século XIX en Galicia

Non existen estudos monográficos sobre os puntos de venda de libros en Galicia ao longo do século XIX. Dos establecementos dos que temos noticia a venda de libros compartía espazos e protagonismo cos máis diversos materiais. Aproveitando que moitos deles dispoñían de imprenta, adoitaban prodigarse con carteis anunciadores que nos permiten comprobar a mistura da oferta. Así, por exemplo, nos anuncios do establecemento de Soto Freyre en Lugo (1865) conviven misais, novenarios, estampas de virxes e santos, medallas, escapularios con material para facer tinta coas fórmulas correspondentes de elaboración, colas e almidóns, papel de toda clase, rosarios, plumas e lapiseiros, coxíns e ata certos xaropes medicinais. Obviamente, no medio deste rebumbio cóase a ideoloxía católica e conservadora do propietario presente na abondosa oferta de obxectos relixiosos. Aínda que non tan recargada de elementos relixiosos, non era moi diferente na mestura a oferta dos irmáns Fernández ou a de Taxonera en Ferrol. Para defender un negocio deste tipo había que recorrer por veces a un estudo fotográfico como ofertaban algunhas librerías (?) e papelerías (?) desa época. Os libros e a lectura eran durante o século XIX rasgo identitario dunha minoritaria burguesía ilustrada con vocación de influír e modificar a sociedade contando coa gran maquinaria comunicativa da prensa escrita e da carta.

No ano 1869 falece en Santiago o catedrático e exdeputado no Trienio Constitucional D. Domingo Cortés con sona de ter unha importante biblioteca. Deseguida se interesan por ela varias persoas, entre as que non falta Murguía que encarga a Bernardo Barreiro que faga de mediador co seu herdeiro Manuel Rey Cortés. Pero este deseguida imprime un catálogo de 21 páxinas onde constan todos os libros ordenados por temas e alfabeticamente e co prezo correspondente. O folleto, impreso por Parades en 1871, deseguida chega ás mans dos principais libreiros de España, entre eles naturalmente Bailly Baillière en Madrid.

Son un total de 1.289 títulos dos que un 31% corresponden a temas de Sagrada Teoloxía, un 24% a Historia, un 19% a Xurisprudencia e o resto repartidos entre Literatura, Ciencias e Arte. O total da valoración do catálogo é de algo menos de 50.000 reais. Para poder aquilatar o seu valor pode servirnos como referencia o soldo anual de Murguía por esas mesmas datas, de 20.000 reais, como arquiveiro de Simancas e posteriormente (1871) do Arquivo do Reino de Galicia.

O título máis costoso que figura no catálogo é a Biografía eclesiástica (1849) en 26 volumes, da autoría de Basilio Sebastián Castellanos de Losada, valorada en 2.800 reais, que actualmente pode adquirirse por menos de 20 euros.

Son escasísimas no catálogo as obras galegas ou de autores galegos: Colmeiro (Economía política, 1845), Sarmiento (Copia manuscrita sobre Kasli, Sosa y Barrilla de Galicia, 1756, Cornide (Memoria sobre la pesca de la sardina en Galicia, 1774), Do-Porto (Acontecimientos políticos en Galicia en 1846) sobre os Mártires de Carral, González y Zúñiga (Historia de Pontevedra), Verea y Aguiar (Historia de Galicia, 1838), Villa-amil (Descripción histórico arqueológica de la Ciudad de Santiago, 1866) e o Dicionario Galego-Castellano de Rodríguez. Curioso destacar que as obras de Sarmiento xa circulaban manuscritas dado o interese que despertaban.

Recibirá Murguía diversas opinións epistolares sobre o valor desta biblioteca ofertada. Ramón Rúa Figueroa escríbelle desde Madrid en abril de 1871 dicíndolle que viu o catálogo en Bailly, que coida que é biblioteca dun crego pola clase de libros e que hai poucos libros bos, se acaso poden interesarlle a Murguía, dille o amigo, “un Gándara (Armas y Triunfos de Galicia (1662), barato, y Pellontier, Histoire des celtes, 1771, 2 t.)” valorados respectivamente en 20 e 40 reais, certamente moi asequibles.