Algo que declarar

O medo cambiou de bando

Alberto Lema

Alberto Lema

Poderiamos resumir a mudanza de ciclo político que estamos a vivir nestas datas —un movemento de fondo que non se pode resumir no resultado das vindeiras eleccións— que pasamos, como sociedade, do medo a sermos desafiuzados ao medo a que nos ocupen a casa. Este cambio de guión no filme dos nosos pesadelos nocturnos ten razóns obxectivas e reais: o estado español pasou, segundo os datos da EPA, dos máis de 6.2 millóns de persoas paradas no 2013 aos 3.1 millóns actuais, exactamente a metade. A suba do desemprego, ademais, no caso español viña derivada en boa parte polo estoupido da burbulla inmobiliaria, de tal maneira que a cuestión da vivenda protagonizaba, como causa e como efecto, boa parte das noticias na prensa, dos debates públicos e privados. Era un medo racional e motivado, con motivos reais e verificables que acabaron mesmo tomando corpo xurídico no chamado banco malo, a Sareb, verdadeiro depósito de espantos do soño desmantelado daquel “país de propietarios, non de proletarios” que predicara Arrese, ministro de Franco, varias décadas antes.

Non se pode dicir o mesmo da cuestión da ocupación de vivenda, un fenómeno marxinal se o comparamos coas magnitudes anteriormente sinaladas do desemprego e do desaloxo da vivenda no comezo da década dos 10 por non dar pago a hipoteca ou o alugueiro. A súa persistencia e ubicuidade no debate público obedece, pois, a lóxicas diferentes ás da súa relevancia social e valor obxectivo, e cómpre outorgarlle á dereita, social, económica e mediática, o mérito correspondente. Desviaron o debate sobre unha cuestión molesta que en parte os acusaba: especulación inmobiliaria, corrupción, políticas liberalizadoras do solo con Aznar, modelo económico, etc.; cara a outra na que son acusadores e representantes, ademais, dese sentir maioritario que volveu ser, como indicaba o mestre, o da clase dominante: o medo á ocupación, a relación deste fenómeno coa delincuencia, as drogas, a inmigración, etc.

O cambio de ciclo político exprésase, como dixemos, na substitución dun medo real e inmediato, a perda da casa, por outro outro artificial e marxinal, o medo a que cha ocupen. A mudanza no culpable social de ambos medos —no primeiro caso, os bancos, os políticos corruptos, os construtores avarentos; no segundo, as persoas adictas, os emigrantes, etc.— explica tamén o diferente destinatario da emoción derivada do medo. Así, do odio “aos de arriba”, ao sistema, aos corruptos, etc., pasamos ao odio “aos de abaixo”, ao excluído. A xenofobia substitúe a política.

Nunha das escenas do filme Trumbo, o seu protagonista, o escritor e guionista homónimo autor do guión de Espartaco ou da novela Johnny colleu o seu fusil, ve entrar no cárcere na que estaba recluído pola súa pertenza ao Partido Comunista a un dos avogados do senador MacCarthy que participaran na célebre caza de bruxas de comunistas infiltrados en Hollywood. Cando se cruzan o avogado dille: aquí estamos os dou finalmente. Ao que Trumbo retruca: a única diferenza é que ti cometiches un delito e eu non. Cómpre saber por que tememos o que tememos.