Os valores terapéuticos da amnistía

Académico numerario da Real Academia Galega

Nos últimos días as elevadas temperaturas, impropias da época, harmonizan co clima exaltado e de alta crispación do debate político arredor da amnistía que, cargada de connotacións insospeitadas, é o tema estelar de todos os formatos comunicativos en todas as franxas horarias. Cobran doada actualidade as palabras do ensaísta e poeta polaco Adam Zagajewski (Unha leve esaxeración, Acantilado 2019), recentemente falecido, cando di que vivimos entre dúas figuras retóricas, a hipérbole e a lítote (que é o contrario da hipérbole, a atenuación e non a esaxeración das cousas) sempre aumentando ou diminuíndo o que observamos, o que sentimos e o que nos fire ou produce alegría.

En primeiro lugar non deberiamos esquecer, para recuperar o equilibrio dialéctico, que as amnistías, desde a primeira atribuída a Trasíbulo (403 a. d. C.) en Grecia ata a última concedida hai poucos meses en Portugal (2023), todas comparten como finalidade a paz cívica, a concordia entre cidadáns renunciando á verdade para poñer o acento no carácter utilitario e terapéutico da medida. Francia, que recorreu con frecuencia a esta medida (desde 1968 promulgou oito amnistías) non padeceu estas desmesuras que nos azoutan a nós porque a maioría da sociedade francesa comprendeu a necesidade de restaurar a concordia perdida pola guerra de Arxelia e amosou a mesma sensibilidade en 1951 cando concedeu outra xenerosa amnistía aos colaboracionistas dos nazis na Segunda Guerra Mundial. España tamén foi pródiga en amnistías. Seguindo os datos do moi autorizado estudo de Enrique Linde Paniagua (Amnistía e indulto en España, 1976), houbo no país 27 amnistías entre 1832-1936, a maioría xustificadas coa parca fórmula “por la tranquilidad del País”; entre elas figura a de 1836 que, concedida por María Cristina con ocasión da morte de Fernando VII, deixounos como lembranza, no Barrio do Palacio Real, a rúa da Amnistía.

A esta nómina temos que engadir os numerosos indultos xerais concedidos no mesmo período de tempo, 20 entre 1936-1976, indiscutidos e tan arbitrarios como a maioría. Outro argumento paliativo do clima turbulento que estamos a vivir arredor da amnistía debería ser proporcionado pola experiencia da amnistía de 1977, apoiada maioritariamente polo discurso periodístico da época se exceptuamos a extrema dereita (El Alcázar e El Pensamiento Navarro) e a extrema esquerda do País Vasco (Egin) que coincidían, malia que alonxados ideoloxicamente, en calificar a amnistía como chantaxe do goberno Suárez, de dubidosa xuridicidade e a negación de que España estivese a vivir en democracia. Foi a primeira vez na historia de España que a amnistía se transformou nun estandarte popular ao ser sentida como necesaria para que comezase unha nova etapa malia que como case sempre saíu vencedor e beneficiado o poder detido polo franquismo.

A xenerosa lei de amnistía promulgouse o 15 de outubro de 1977 amnistiando no seu artigo primeiro “todos los actos de intencionalidad política”, que especificaba no segundo: “... de rebelión y sedición, de objeción de conciencia, de expresión y opinión por cualquier medio, los que pudieran haber cometido las autoridades, funcionarios y agentes...”. Tan ampla e xenerosa foi esta lei que decretou o esquecemento (a amnesia!) de todos os actos que puidesen ser constitutivos de delito borrando a moi fráxil fronteira entre perdón, indulto, amnistía e amnesia!. O que resulta difícil de comprender é que esta amnistía teña que ser lexitimada e magnificada negando unha nova amnistía. Tamén durante a inmediata posguerra o franquismo seguiu perseguindo con crueldade e saña a todos os seus detractores nunha proba de que non lle resultou fácil a súa lexitimación. Semella que agora pretendemos lexitimar unha Transición atravesada de medos e asasinatos, facendo gala de rigor lexislativo contra os seus detractores. Resulta paradóxico que os conceptos relixiosos de “unidade” (con razón sacrosanta) e “perdón” de ascendencia abrahámica, acubillados no discurso político da dereita sexan a causa remota de tanta hostilidade e animadversión que estamos a padecer neste momento.