Opinión

Académico numerario da Real Academia Galega

A aventura política de Murguía e o seu legado

Asentadas as bases culturais da nación no campo historiográfico e literario, a partir de 1886, Murguía decide baixar á area política convencido que determinadas cousas necesarias soamente se poden conquerir por esta vía. Abre palenque o Patriarca co seu discurso nos xogos florais de Pontevedra de 1886 no que as palabras pronunciadas ao ser oídas por todos cobran novos sentidos no propio ritual da cerimonia e, ao mesmo tempo, adquiren unha validez universal de compromiso. A proba é que os rexionalistas cataláns apresúranse a pedirlle o discurso para reproducilo na revista La España Regional. A estas alturas xa estaba iniciada unha rede comunicativa epistolar e de fecundos encontros que empezaron con Milá y Fontanals a propósito dos romances, con Farnés a respecto do folclore, con Ángel Guimerá polos Xogos Florais e continuarán politicamente con Pella i Forgas, Domènech i Montaner, José Mª Valls i Vicens, etc.

Con este propósito político publica Murguía unha serie de obras emblemáticas: Los precursores (1886), Galicia (1888), El Regionalismo Gallego (1889) que culminan coa constitución en Santiago da Asociación Regionalista Gallega (1890), que el mesmo preside, que será secundada coa formación doutros comités en Pontedeume, Ourense, Vigo, etc. Forman parte importante deste discurso político o traslado dos restos de Rosalía (1891), os xogos florais de Tui (1891) ou a contestación popular polo intento de traslado da Capitanía Xeneral da Coruña en 1893, último episodio sonado desta intensa pero efémera aventura política. Neste contexto foi moi importante a relación coas organizacións catalanistas consolidadas, que xa contaban desde 1865 con 32 cabeceiras escritas en lingua catalá, a maioría de signo liberal.

Justo Beramendi (De provincia a nación. Historia do galeguismo político (2007) deu comprida explicación da disolución da Asociación Rexionalista que foi refrendada anos despois por Xosé R. Barreiro (Murguía 2012). A causa principal atópana ambos investigadores no enfrontamento entre a facción tradicionalista con ampla representación clerical, con Brañas como cabeza visible, e a facción liberal que tiña en Murguía o principal referente. Sen negar esta esencial motivación da ruptura pensamos que hai outros factores que pesaron no ánimo e decisións do Patriarca. Se analizamos a correspondencia de Murguía podemos comprobar que se cartea desde 1886 cos fundadores de La Jove Catalunya (1870), a primeira publicación que aúna creación literaria e reivindicación política. Coñecía o noso historiador xa que logo as constantes tensións e conseguintes escisións provocadas no seo do catalanismo pola confrontación entre os partidarios da acción cultural e os que apuntaban cara unha organización política. Mentres Valentí Almirall cualificaba a Lliga de Catalunya e o seu voceiro de grupo arcaizante, apolítico e clasista, Jaime Balmes facía un chamamento á sociedade “sana” que non debe renunciar a España. A polémica entre o culturalismo conservador e a acción cívico-política está servida. Curiosamente Murguía ten relación epistolar con Sebastià Farnés (1854-1934), un dos teóricos do nacionalismo político, autor dun memorable Missatge a Irlanda (1886), manifesto de adhesión de Cataluña ao movemento nacionalista irlandés. Este gran folclorista catalán establece desde os seus primeiros escritos que o catalanismo é un movemento nacional dentro dun Estado plurinacional. Igual que Murguía, Farnés desaparece da escena política a partir de 1893 co avance do nacionalismo conservador. Murguía, preocupado polo porvir do rexionalismo galego mira no espello catalán e sondea unha e outra vez entre amigos e rexionalistas as posibilidades futuras. Proba a pedir opinión sobre os discursos de Ángel Guimará, coa esperanza de atopar certa aprobación dado que o catalán, presidente da Lliga, ponente das bases de Manresa, é un dos impulsores da corrente cultural e literaria. A contestación de Oviedo Arce é demoledora: o discurso é separatista e os galegos somos calquera cousa menos eso. Como consecuencia Murguía, que lle envía este discurso como solución moderada que podería servir de guía ao noso rexionalismo, decátase do signo conservador dos rexionalistas galegos. O abandono político de Murguía foi moi meditado e non foron alleas á decisión as informacións que recibía de Cataluña. O legado do seu paso pola política deixounos alomenos dous “lugares da memoria” que forman parte dos nosos horizontes de futuro: Carral e o Panteón Nacional de Galegos Ilustres. Sen esquecer o orgullo e dignidade coa que sempre nos defendeu.