Opinión

A memoria colectiva nas rúas de Rianxo

Vai para trinta anos que publicamos unha carta de Sixto Aguirre ao seu colega Rafael Dieste que hoxe circula fragmentariamente sen consignar procedencia. A longa misiva, datada a finais de outubro de 1934, malia o seu ton distendido, é un presaxio da dramática e encarnizada represión que padecerá Rianxo, a partir do golpe franquista. Nela Sixto cóntalle a Rafael o interrogatorio en Santiago e a detención durante varios días dun grupo de amigos rianxeiros acusados de urdir un atentado contra o cuartel da Garda Civil e outros edificios institucionais como parte dunha conspiración en apoio da Revolución de Outubro en Asturias. O axente de enlace sería, seguindo o relato da carta, Rafael Dieste que acababa de casar e presenta a súa compañeira Carmen Muñoz aos seus amigos organizando unha merenda na súa propia casa familiar. Deste grupo de “perigosos conspiradores”, uns serán asasinados nos primeiros meses da Santa Cruzada como foi o caso do propio emisor da carta e outros terán que marchar ao exilio, como é o caso de receptor da mesma. No expediente figura un veciño que delata e identifica aos asistentes coa axuda da criada. De calquera xeito foi un acto arbitrario que anticipa a terrible represión exercida polos falanxistas e Garda Civil durante a guerra e anos posteriores: mortes, chantaxes e abusos por parte de tres familias de Rianxo que exerceron un control absoluto do concello ata os mesmos umbrales da denominada Transición. Unha amnistía impediu que fosen xuzgados.

En Rianxo durante os anos 1936-37 o falanxismo local, exultante, cambia o nome das principais rúas e espazos vilegos: o Campo, amplo espazo de entrada, pasa a denominarse Plaza del General Franco; a rúa de Medio pasa a denominarse General Mola; a rúa de Abaixo, Calvo Sotelo; a praza da igrexa, José Antonio Primo de Rivera e o Paseo da Ribeira, Paseo del Capitán D. Santiago Cortés. Outros espazos como a rúa de Arriba, Cabo da Vila, Praciña, Rinlo, Fincheira ou rúa do Hospital eran considerados como arrabaldes habitados por xente do común e non foron violentados os seus nomes.

Non falta quen considera estas decisións como anécdotas sen importancia. Pero non debemos esquecer que é unha forma de posesión e imposición ideolóxica dos espazos sociais e compartidos que ten moi presente que son as palabras e os nomes os que debuxan a realidade; unha realidade que uns poucos querían impoñer. Soamente con esta mentalidade posesiva e autoritaria se pode quitar a vida a veciños que pensaban diferente. Afortunadamente o pobo de Rianxo, a excepción dunha minoría “afecta e colaboradora, sempre mantivo os nomes primixenios que trazan o perfil da estrutura da vila: tres rúas que confúen na igrexa (Abaixo, Arriba e Medio) unha Ribeira como ancoradoiro e faladoiro e un Campo como porta de entrada e socialización. Mágoa que a moi necesaria Lei de Memoria Democrática, académica, analítica e razoada, escrita e transmitida polos libros, non sempre tivese presente e “memoria colectiva”, vivencial, oral que polo seu carácter coral é a mellor ferramenta para reconstruír o pasado. Así a defendeu o sociólogo francés Maurice Halbwachs (La Memoria Colectiva e Los Marcos Sociales de la Memoria, 2004 (1ª edic. francesa en 1950 e 1925) quen rexeitou a teoría da memoria como capacidade exclusivamente individual para configurala como un proceso de reconstrución basado na multiciplidad de interpretación. Rianxo xa se adiantou ao sociólogo francés cando non aceptou que Rinlo pasase a denominarse “Barrio del Obispo Araujo Silva” en 1906 por ter nacido alí este rianxeiro, disparate que perdura no Nomenclátor de Galicia. Naturalmente os rianxeiros seguimos a dicir Rinlo desde sempre.

Suscríbete para seguir leyendo