Así, segundo informaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade, serán retiradas todas as partidas das variantes de Sanutri da marca Natur 1; Confort 1 e Confort 2.

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) e a Axencia de Protección da Saúde da Generalitat de Cataluña emitiron hoxe unha alerta sanitaria na que piden á citada empresa a retirada cinco lotes de leite maternizada o consumo da cal podería estar relacionado con 29 casos de gastroenteritis leve, tres deles en Galicia, causada por salmonella, rexistrados en menores de idade entre os pasados meses de febreiro e xullo.

A data de hoxe, e tras comprobarse os rexistros de notificación, atendéronse 29 casos por esta causa, 23 deles en menores de un ano, que se rexistraron entre febreiro e xullo, sen que consten máis casos no último mes. Castilla-León é a rexión na que máis casos se detectaron, cun total de nove afectados, seguida da Comunitat Valenciana, Madrid e Andalucía, con catro menores enfermos en cada unha elas. En Cataluña e Galicia rexistráronse tres casos, ademais dun en Murcia e outro en Castilla-La Mancha.

O axente causante do brote é o salmonella serotipo Kedougou, que xa foi illada nas feces dos pacientes afectados e todos eles se recuperaron de forma satisfactoria, xa que as cepas da salmonella Kedougou son sensibles aos antimicrobianos que se administran habitualmente.

Nun comunicado, o Ministerio de Sanidade e Consumo especificou que a alerta orixinada pola marca Sanutri, nas súas variedades Confort e Natur, se debe á contaminación por salmonella serotipo Kedougou, detectada polo Centro Nacional de Epidemioloxía en cinco lotes que xa "están identificados".

En concreto, os lotes retirados son envases de 800 gramos que obedecen á marca Natur 1 (lote 708641, con data de elaboración 11-12-2007, e lote 800052 con data 3-1-2008), Confort 1 (lote 708311, con data de elaboración 27-11-2007, e lote 801141, con data 6-2-2008) e marca Confort 2 (lote 708321, con data de elaboración 29-11-2007).

COMUNIDADES INFORMADAS

Os lotes supostamente implicados distribuíronse por toda España polo que as autoridades sanitarias de todas as comunidades autónomas foron informadas. Ademais, o ministerio púxose en contacto co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos para informais desta alerta e axilizar a retirada do produto das farmacias.

Precisamente Sanutri xa está a proceder á retirada do produto, medida que conta coa supervisión dos servizos de inspección autonómicos. De tódolos xeitos, dende Sanidade aconsellan os usuarios que adquiriran algún destes envases "que se absteñan de consumilos".

Os cidadáns que desexen máis información poden facer uso do teléfono de Atención ao Cidadán do Ministerio de Sanidade e Consumo (901 400 100), así como das páxinas web do ministerio ('www.msc.es') e da AESAN ('www.aesan.msc.es'). Pola súa banda, a empresa puxo a disposición dos consumidores os teléfonos 629 56 83 02 e 609 54 19 38 para atender posibles consultas.