O presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Craig Patterson, considerou un "erro ético" e "prexudicial para o idioma nativo en Galicia" a proposta de decreto sobre o uso do idioma nas aulas elaborado pola Xunta de Galicia, na que se formula impartir un terzo das materias en galego; outro terzo en castelán; e outro en inglés.

Patterson referiuse á norma proposta polo Executivo galego para destacar que inclúe "un problema metodolóxico" na súa forma. Deste modo, dixo que é "un erro ético e filosófico que un Goberno se expoña a facer este tipo de consulta minúscula -en referencia á enquisa aos pais- sobre unha cuestión tan importante".

Así mesmo, sobre a representación das linguas, Patterson afirmou descoñecer "outros países do mundo en que isto ten lugar", xa que a distribución do peso de cada unha resultará "prexudicial" para a lingua nativa, é dicir, o galego.