Cambados, a capital do Salnés, celebrou un ano máis a gran festa do seu fillo predilecto: o albariño, ese viño do mar, da fin do mundo, que cada ano, e van cincuenta e oito, é homenaxeado nunha festa colosal e multitudinaria, unha festa do viño.

Este ano tocou catar albariños do 2009. O Consello Regulador cualificou esa anada como "moi boa". Eu subiríalle a nota: os albariños do nove están mellor ca os do oito, e mira que estes estaban bos; pero a última colleita gáñalles. Esta vez si que paga a pena recomendar que se beba o albariño do ano; non sempre é así.

Esa manía de pedir albariños do último ano estivo vixente ata hai nada. A xente decidira que o albariño era un "viño novo", e en consecuencia había que bebelo ao ano seguinte da súa vendima; as anadas anteriores xa non valían. Un erro, pero un erro de vulto: os albariños, cando se fan ben, e hoxe fanse moi ben, teñen unha capacidade de evolución en botella magnífica, que fai que medren, que estean perfectos no seu segundo, terceiro e ata cuarto ano. Iso os albariños que chamaremos "normais", que os elaborados sobre lías durante tres anos en depósito de aceiro teñen unhas expectativas de vida moito máis longas.

En fin, catamos e decidimos que o premio ía para un viño do Condado do Tea, o Señorío de Rubiós. É unha adega que leva funcionando catro anos... e xa estivo tres veces no podio da Festa do Albariño. Fano ben. De todas maneiras, este ano os catadores coincidimos en que a intensidade aromática dos viños catados era moi baixa, eran viños moi planos en nariz; é curioso, porque os viños desta anada que bebín na casa non me deron esa impresión; tamén é verdade que nas catas de Cambados, este ano, encontramos que a temperatura do viño era demasiado baixa, e iso anula bastantes sensacións.

Hai tres temperaturas que hai que ter en conta ao falar de viño: a de cata, que ao consumidor non lle interesa para nada; a de servizo, e a de consumo. A de servizo ten que ser un pouco máis baixa que a de consumo, porque o viño tarda moi pouco en quentar unha vez na copa. E si, un branco ten que beberse a uns dez graos... pero debe catarse un pouco por riba desa temperatura.

O albariño é un viño con moita literatura dentro, e moi boa literatura. E boa prensa, ademais, porque xa era eloxiadísimo cando non o merecía demasiado, nos tempos de Cunqueiro e Castroviejo, cando abrir unha botella de albariño era unha lotaría, que che podía saír estupenda, pero que tamén podía saír desprezable. A elaboración correcta chegou a esta zona hai pouco máis de vinte anos, un cuarto de século se acaso. A partir de aí, o viño mantén unha regularidade, no posible, notable.

Por iso se converteu nun dos brancos máis prezados, xunto aos verdellos de Rueda e, se acaso, os godellos de Valdeorras. O albariño é un viño mariño, e nótaselle a proximidade do océano nese puntiño de salinidade que ten na boca. Por iso enténdese tan ben con todos os produtos mariños, especialmente cos mariscos como as centolas, as nécoras, as cigalas... e os moluscos como as ameixas, os mexilóns ou as navallas. A ostra vaille ben, pero parece que as ostras piden champán...

O albariño é viño para comer e viño para tomar chatos, para tapear. Ten que beberse fresco, que non xeado: o frío excesivo anula unhas cantas propiedades do viño, boas e malas. Afáganse, cos brancos, a pór nas copas pouca cantidade, pero máis veces: non lle debemos dar ocasión de quentar: a calor resalta os defectos, e non é iso.

Á temperatura correcta, entón. Unha ollada ao viño, limpo, de cor amarela brillante. Unha primeira sensación olfactiva co viño quedo: aí haberá uva, mazá... Axitamos a copa, facemos xirar o viño, ulimos de novo: xa aparecen toques florais, ao mellor algún cítrico... E xa un grolo, longo e lento, paseando o viño pola boca. Ao tragalo, novas sensacións froiteiras no nariz... e apetece outra copa. Non a neguen: o albariño hai que gozalo. Iso si, postos a iso, non esquezan que os taxis funcionan moi ben: se hai unha cousa clara é que o viño e o volante son totalmente incompatibles. Gocen do viño todo o que queiran, pero... non xoguen a vida a copas.