15 de mayo de 2011
15.05.2011
ULTIMA HORA
El PSOE ve inviable la coalición e invita a Podemos a buscar otras fórmulas
A historia da Mesa pola Normalización LingüísticaPresidente de A Mesa

Carlos Callón: "O máis importante para normalizar unha lingua é usala"

"Moitas persoas empregan o castelán por inercia, pero defenden o galego"

15.05.2011 | 03:07
O presidente da Mesa, Carlos Callón. / juan varela

Malia a súa xuventude, leva quince anos ("case media vida") na xunta directiva da Mesa pola Normalización Lingüística e arredor de nove coma presidente da organización. Carlos Callón (Ribeira, 1978) considera que, á marxe da actuación dos poderes públicos -que "non están a cumprir coa súa obriga de promover a igualdade real do galego, para que quen queira empregalo nos distintos ámbitos poida facelo sen discriminación", poñe de relevo- o máis importante para normalizar unha lingua é, sobre todo,"usala". "Redes sociais coma Facebook ou Tuenti, os caixeiros automáticos e mesmo a maioría dos teléfonos móbiles ofrecen a opción de elixir o idioma... pois escollamos o galego!", sinala, e engade: "Moitas persoas utilizan o castelán por inercia, porque é o idioma no que foron ensinados, pero defenden o galego, e mesmo van ás manifestacións porque entenden que é un elemento de unión e queren que haxa políticas a favor da nosa cultura e a nosa lingua. E isto, se dúbida, tamén é unha esperanza de cara ao futuro", destaca.

-Que balance fai destes primeiros 25 anos de vida da Mesa?

-Para mín o máis noticiable é que A Mesa continúe existindo. Nestes 25 anos, apenas tivemos axudas públicas e padecemos campañas periódicas de difamación, dicindo cousas que, nin son verdade, nin teñen nada que ver coa nosa actividade, coma que ameazamos ás persoas que usan o castelán. E, aínda así, A Mesa segue aí, nun país no que é habitual que saian revistas de número cero que logo non chegan a ter número un, e no que moitas organizacións nacen con aspiracións e, ao pouco tempo, desaparecen.

- Cales son as principais actividades da Mesa?

-A nosa organización ten tres facetas: por unha banda, a reivindicativa, que abrangue diferentes ámbitos -coma o ensino, a administración, os medios de comunicación e, mesmo, o eido privado-, e que tamén é a máis mediática; por outra, a sensibilizadora, levando a cabo iniciativas para animar á xente a utilizar o galego. Neste sentido, A Mesa foi pioneira en editar e distribuir masivamente libros en galego, e tamén en desenvolver campañas para galeguizar os nomes ou restaurar os apelidos autóctonos. Tendo en conta as limitacións que temos a nivel de medios humanos e económicos, o que facemos agora é instar a outras institucións a que desenvolvan este tipo de actividades. Por exemplo, todos os anos distribuimos, en colaboración con concellos e deputacións, rótulos para as rebaixas en galego. Ademáis poñemos en marcha campañas para que haxa etiquetas de agasaio ou cartóns de convite para aniversarios e festas en galego... cousas que o mercado non ofrece nestes momentos, pero que se poderían facer; e tamén realizamos unha labor informadora, respondendo ás dúbidas que poida ter a xente sobre os seus dereitos lingüísticos.

-Dende certos sectores acúsase a A Mesa de ser unha organización partidaria...

-A Mesa non é para nada partidaria. Nós defendemos o que di o artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que é que os poderes públicos teñen que promover a igualdade real para a lingua galega, para que quen queira utilizala poida facelo, sen discriminación, en tódolos ámbitos. O problema é que, cando isto non se fai, como está a acontecer agora, nós actuamos e é entón cando din que somos partidarios, pero non é así.

-Un dos ámbitos que está centrar as últimas actuacións da Mesa é o ensino, sobre todo trala aprobación do decreto do plurilingüismo da Xunta. Cal é a situación actual do galego nas escolas e institutos de Galicia?

-É realmente calamitosa. En Infantil, por exemplo, pregúntaselles ás familias en que idioma falan aos seus fillos para, a partires de aí, escoller a lingua na que queren que sexan ensinados. O que a maioría da xente non sabe é que se trata dunha pregunta falseada, xa que, se a maioría da clase responde castelán, recibirán todas as ensinanzas nese idioma. Pois ben: nas sete cidades de Galicia, o 40% dos pais elixiron o galego, pero só se emprega no 10% das aulas, o que supón un desfase de 30 puntos. En Primaria e Secundaria, malia que hai algúns oasis en galego, a situación é tamén altamente preocupante e nos conservatorios e os ciclos formativos, o uso da lingua galega e prácticamente anecdótico.

-O Tribunal Superior Xustiza de Galicia ven de admitir a trámite varios recursos, incluidos os presentados pola Mesa e a Real Academia Galega, contra o decreto da Xunta. Que pensan facer se eses procedementos xudiciais, finalmente, non prosperan?

-A primeira medida que imos adoptar, aparte de continuar coa vía xudicial e das protestas, e reunirnos, nas próximas semanas, co Consello de Europa, para facerlle saber o que está a acontecer en Galicia, onde se están a incumprir tratados internacionais coma a Carta Europea das Linguas, que sinalan que o galego debería ter un papel protagonista, e non de mero actor secundario, no sistema educativo.

-Botando a vista a atrás, cales cre que foron os maiores logros da Mesa nestes últimos 25 anos?

-Logros hai moitos, aínda que non sempre se deron consolidado. Para nós unha das batallas máis importates foi a de A Coruña onde, ata hai catro anos, o Concello incumpría o Estatuto de Autonomía ao non empregar nunca o galego.No ámbito financieiro, conseguimos que Caixa Galicia e Caixanova, e agora Novacaixagalicia, utilicen o galego con normalidade. E tamén no ensino temos logrado adiantos importantes, aínda que a maioría deles tumbounos o actual Goberno da Xunta.

-E onde puideron errar?

-Ás veces temos reflexionado sobre si nos anos nos que nos centramos na vulneración da toponimia deberiamos ter traballado máis polo ensino... pero é que se non houbésemos conseguido que se cumprise algo tan básico, como poderiamos aspirar a algo máis? Máis alá de acertos ou erros, o máis salientable é que A Mesa continúe existindo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario


Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.