Baixo o lema "O ensino é un dereito e non un privilexio" Galiza Nova está a desenvolver na comarca da Coruña unha intensa campaña para espallar a Folga Estudantil do vindeiro 10 de maio contra os recortes do PP no ensino público, especialmente a suba de taxas.

Con esta convocatoria Galiza Nova esixe que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "antepoña os intereses das mozas e mozos galegos aos do PP e non aplique as medidas contidas no real decreto 14/2012", que a organización califica de "prexudiciais para o ensino público galego".

A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, explica que "todo o noso esforzo está destinado a que a folga sexa un éxito para que os gobernos español e galego tomen nota do rexeitamento que existe entre a comunidade educativa ante os recortes e rectifiquen estas políticas que hipotecan o noso futuro". Aboi engade que "ante un recorte de dereitos sen precedentes, hai alternativa: a mobilización masiva".

A responsábel comarcal, Águeda Rei, informa que "a campaña está a ter unha extraordinaria acollida entre o estudantado" e anima á mocidade a secundar a convocatoria dunha manifestación para a xornada de folga na cidade da Coruña que saíra ás12:00h da praza da Palloza e rematará diante da Delegación do Goberno, na Praza de Ourense.

Galiza Nova da comarca da Coruña chama a apoiar a Folga Estudantil do 10 de maio, para "parar os recortes do PP no ensino público, por inxustificados e socialmente inxustos" e anuncia que "se o goberno do PP non rectifica esta folga estudantil será só a primeira das medidas que tomaremos e seguiremos mobilizándonos contra o sacrificio dos dereitos da maioría para beneficio exclusivo dunha minoría".