O principal desafío de Xesús Alonso Montero é conseguir a concordia entre tódolos académicos e ilusionalos cun proxecto común. Así de claro se amosou o outro candidato á presidencia da RAG, Manuel González que, tras felicitar ao seu adversario -xa presidente- Alonso Montero, confesou: "Eu creo que o noso programa é mellor que o que ofrecía a outra alternativa; pero o importante é a institución".

Tras dúas horas de exposición e debate dos programas e logo da votación do plenario, o ata agora tesoureiro en funcións da RAG, engadiu: "Quero desexarlle que sexa capaz de ilusionar aos académicos cun proxecto común que dea respostas ás necesidades da Academia".

Manuel González (Mazaricos, A Coruña, 1951) é catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago e, actualmente, coordinador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. No que atinxe aos resultados, acatou a perda por dous votos: "Iso é a democracia;eu vou seguir ao servizo da Academia;hai persoas máis influenciábeis e outras que teñen as cousas máis claras", indicou. "A miña postura vai ser a mesma nunha posición que noutra e o que aconteceu está dentro dun proceso democrático normal no que hai dúas candidaturas distintas.

Manuel González levaba máis dunha década na directiva da RAG. "Vou axudar a todo o mundo; iso está claro e debemos estar por riba de conxunturas e non perder de vistas cales son as funcións fundamentais da RAG". "Eu nunca fixen nada que non fora traballar e seguirei; adicareime pode que un pouco máis ás actividades docentes que ao mellor non estaban tan ben atendidas".

Trala dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín á fronte da institución, abriuse o proceso para elixir o novo responsable. Ao non chegar a un acordo para pactar unha lista única, por primeira vez na historia desta academia, fundada en 1906, presentáronse dous candidatos.