A gala de entrega dos galardóns principiará coa actuación das Taravela, grupo nado ao abeiro da agrupación Xiradela. A súa mestre de canto é Fransy González, quen reforzará ao grupo para a actuación e conversa con nós sobre a gala.

-Que significa para o grupo actuar na gala dos premios?

-Estamos a esperar o día como se tocásemos nunha gala internacional. Non se actúa todos os días nun teatro e menos para unhas cantareiras. Estamos encantadas de ser parte do elenco dos premios.

-No escenario vaise presenciar o traballo de anos de ensinanza.

-Cómpre ter en conta que isto é unha afección e traballamos unha hora á semana e ás veces resulta difícil que estean todas presentes. Ao longo dos anos van saíndo e entrando novas voces, o que dificulta o labor a desenvolver.

-Para unhas cantareiras resulta complicado lograr concertos lonxe do seu lugar de residencia?

-Iso lógrano ás que van acompañando a grupos de baile, pero agora semella existir menos demanda que noutros tempos. Tamén creo que no apartado das cantareiras a música tradicional está estancada.

-Vostede sacou un disco con Xiradela. Pensou xa na posibilidade de que Taravela chegase a gravar nun futuro próximo?

-Para nós foi importante sacar un álbum e, sobre todo, colaborar con Carlos Núñez. Teño en mente que as Taravela poidan realizar un disco, xa que existe moito material, pero sendo consciente que para realizar un álbum hai que sachar moito e traballar arreo.