"Poñémoslle nome a todo o que nos arrodea ou imaxinamos. Denominamos o que existe e mesmo o que deixou de ser. As palabras evocan o mundo todo e fan que as nosas neuronas faísquen para que obxectos, seres e situacións vaian pasando pola nosa cabeza. Cadaquén leva consigo os termos que foi interiorizando por medio da aprendizaxe -natural ou educativa- así como da curiosidade". Curiosidade e aprendizaxe son, precisamente, os dous piares que definiron a construción do Portal das palabras, segundo se recolle na propia páxina de internet, promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié para modernizar a investigación do léxico galego e axudar ao seu uso e coñecemento, sobre todo, entre os máis novos.

O Portal das palabras (www.portaldaspalabras.org), que onte foi presentado polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, na sede coruñesa desta última institución, ofrece unha amplo abano de posibilidades para quen busque interacción ou información sobre o galego. A páxina contén un potente dicionario electrónico que inclúe un servizo de busca avanzada de sinónimos e antónimos, e que pode ser descargado para utilizar en aparellos con sistemas operativos iOS e Android.

Alén do dicionario, o Portal das palabras conta, tamén, cun observatorio de tendencias con explicacións léxicas, xogos, recursos didácticos e dúas seccións de vídeos. Nunha delas, os académicos responden ás dúbidas dos usuarios e, na outra, a RAG invita a outras persoas a comentar determinados aspectos léxicos, tal e como explicaron, durante a presentación desta ferramenta, o director xeral da Fundación Barrié, Javier López, e o secretario da RAG, Henrique Monteaguado.

O Seminario de Lexicografía da RAG é responsable dos contidos achegados no portal, mentres que o aproveitamento educativo dos mesmos e o criterio pedagóxico dos niveis, xogabilidade, adecuación etc., é labor de educaBarrié.

Alonso Montero aproveitou o acto de presentación do Portal das palabras para agradecer á Fundación Barrié a súa colaboración coa RAG -que se remonta ao ano 1968-, e para reclamar o apoio "doutras institucións similares e empresas privadas" para poñer en funcionamento proxectos de utilidade para a sociedade galega. Unha colaboración que, insistiu, é imprescindible para desenvolver tarefas que "doutra maneira non irían adiante". "Necesitaremos no futuro que esas axudas veñas canto antes", subliñou o presidente da RAG.

A Real Academia Galega (RAG) elixirá o vindeiro día 21, nunha sesión plenaria, ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2014, segundo confirmou onte o seu presidente, Xesús Alonso Montero, tras o acto de presentación do Portal das palabras, na sede coruñesa da Fundación Barrié.

Alonso Montero tamén avanzou que o próximo ano a institución académica ten previsto organizar actos en homenaxe ao primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico-Portuguesa nunha universidade española. Tras estas palabras, e preguntado polos xornalistas se o Día das Letras Galegas dedicaríase o próximo ano a Ricardo Carballo Calero, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Montero matizou que non se refería ao profesor ferrolán, de quen destacou que se trata dunha persoa "de moita importancia", en alusión ás voces que reclaman que se lle renda este tributo. O presidente da Real Academia Galega aclarou que, coas súas verbas sobre a homenaxe ao primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galaico Portuguesa, se refería a Víctor Said Armesto, falecido de xeito prematuro en 1914, aos 42 anos, e cuxo arquivo persoal foi doado pola súa filla, á Fundación Barrié, no ano 1992.