A Real Academia Galega presentou onte na Coruña os dous volumes que conforman Estudos da toponimia galega, de Nicandro Ares Vázquez, unha compilación de diversos estudos e artigos sobre a procedencia de distintos nomes de lugares galegos , que o autor realizou dende 1964 ata a actualidade.

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, escusou ao autor, de 87 anos, xa que "non puido asistir debido ao seu delicado estado de saúde", pese a que "estará na presentación que faremos de cara ao público en Lugo" e destacou "a importancia fundamental" dun traballo "destas características". Na presentación o presidente estivo acompañado polo coordinador do Seminario de Onomástica, Ramón Lorenzo Vázquez, e o editor da obra, Antón Santamarina.

Os dous volumes da obra recollen un total de 5.496 entradas, seleccionadas dos 178 artigos que Ares Vázquez escribiu para distintos medios galegos xeralistas, onde tiveron cabida os más "lixeiros e humorísticos", segundo Antón Santamarina. Noutras publicacións especializadas, como a revista Grial, presentou estudos mais complexos, sobre catro ou cinco termos ou incluso a toponimia dun concello enteiro.

O editor explicou tamén que a propia toponimia "é unha ciencia lingüística máis ben recente", posto que os primeiros vestixios da mesma datan de 1880. En Galicia non se atopan estudos do tema ata polo menos 1952, "coas publicacións de Moralejo", engadiu Santamarina, "que se antepuxeron en pouco máis dunha década aos primeiros pasos de Ares Vázquez nesta temática".

O autor deixouse seducir nos seus inicios pola arqueoloxía e a epigrafía, influído polos traballos do profesor Vázquez Saco. Co pasar do tempo Ares Vázquez rematou facendo da onomástica, o estudo dos nomes propios, e mais concretamente, da toponimia dos emplazamentos lucenses e galegos, o tema principal das súas numerosas investigacións.

Entre os nomes de poboacións e lugares de Galicia, hai moitos que son falantes, e calquera é capaz de coñecer a súa motivación, como Castro ou Ponte. Outros, pola contra, volvéronse mudos, ou opacos, co tempo. Santamarina argumentou que isto ocorre "porque esas voces toponímicas poden non pertencer xa ao vocabulario común que nós comprendemos". O autor seguiu dúas normas básicas, que son "a congruencia semántica" e mais a "congruencia fonética". As veces nas que o termo se volvera opaco, Ares Vázquez "solucionou ese problema apoiándose en textos medievais", segundo o editor.

Santamarina aportou finalmente que os estudios céntranse principalmente "en concellos lucenses, pero que tamén se inclúen algúns provintes do resto de Galicia, especialmente de Melide ou Lalín".