O grupo Berrogüetto foi o primeiro gañador dos PREMIOS OPINIÓN co seu disco Hepta. Eles, xunto a Fía na Roca e Susana Seivane, abriron o capítulo de vencedores dun premio que segue a ser a única referenza no panorama musical galego que salienta o labor dos músicos folk.

Pasaron varios anos desde a saída do anterior traballo e agora o conxunto volveu recibir o beneplácito do xurado por 10.0,

unha obra que conmemora unha década no eido musical dunha banda asentada como un dos piares máis fortes na música do noso país.

-Que valoración fan desde a saída ao mercado do seu último traballo?

-En liñas xerais cremos que tivo unha boa acollida. Como adoita acontecer hai xente á que lle gusta e a outra non tanto, pero pensamos que foi acollido con bastante agarimo.

-As vendas amosan que seguen a contar cun bo número de seareiros.

-Tal como vai a industria discográfica non hai queixa. Se miramos o descenso xeral de vendas e os números que saen con esta obra vemos que, máis ou menos, mantemos o noso nivel de vendas.

-No verán actuaron bastante por toda Galicia.

-Xullo foi malo por mor da configuración dos concellos logo das eleccións municipais, pero agosto e setembro foron espléndidos. O verán resultou moi activo e sentímonos ledos porque acostuma suceder que cando non tes disco novo os concertos redúcense de xeito considerable, e non aconteceu iso. Queremos salientar a nosa presenza en países aos que non fóramos, especialmente México, onde tocamos nun festival interesantísimo de culturas en resistencia, que están en perigo de perder a súa identidade, e coñecimos xente de todo o mundo. O festival resultou moi potente e ademais, por unha vez na vida, tivemos tempo de facer turismo e México, coa súa cultura precolombina impresionante, é un país espectacular e a xente tratounos moi ben.

-Veñen de estar no Popkomm en Berlín. Como foi a experiencia nun país, como Alemaña, no que lograron un par de premios da crítica musical e adoitan ser moi ben recibidos?

-Había ben tempo que non iamos por aló e a verdade é que sempre tivemos un gran recibimento por parte do público e esta vez recuncamos con esa sensación. O evento é unha festa máis profesional que de cara ao público e a representación galega e española gustou bastante. Ademais, tivemos unha boa repercusión nos medios de comunicación.

-Esta vez tocoulles ser segundos na votación e aínda ningún artista conseguiu repetir como gañador do galardón. Iso reflicte, en certa medida, o bo momento que atravesa a música de raíz na nosa terra?

-Podería ser unha interpretación. Afortunadamente contamos cun alicerce potente e comezan a saír propostas diferentes, que amosan diversidade e calidade para o noso panorama musical. Para manter unha industria musical viva é imprescindible meter carbón humano a traballar, e que todo ese traballo se consiga plasmar no apartado artístico.

-É inevitable preguntar por ese adiado disco sobre enerxías alternativas.

-Levamos moito tempo traballando niso. O proxecto continúa adiante e non está esquecido pero atopamos atrancos e oxalá en breve teñamos novas, pero xa non damos ningunha data de saída.

-Nesta ocasión acadaron o segundo lugar na votación do xurado logo de obter o primeiro lugar na I edición dos PREMIOS OPINIÓN.

-O importante é seguir estando presentes na lista de premiados e que a xente siga a falar de nós. O outro é unha cuestión sinxelamente numérica que non ten tanta importancia.