A musicóloga suíza realizou un traballo arduo e rigoroso coa elaboración do Cancioneiro Popular Galego, un traballo crucial para o folclore do país. Ese inxente labor, condensado en sete volumes, pode ser consultado agora de balde pola rede grazas á Fundación Barrié, que no seu día ofreceu unha beca á investigadora para realizar o seu intenso traballo de campo.

Todo comezou a finais dos anos setenta, cando Dorothé, quen xa publicara o traballo O Canto Popular en Europa, visitou a nosa terra para afondar no noso folclore. Nese momento achou un grave problema. Non entendía ben o idioma e aí aparece a figura de Antón Santamarina, con quen asina os traballos, para lle ofrecer os seus servizos como lingüista, non en van exerceu como catedrático defiloloxía románica na Universidade de Santiago de Compostela. Foron tres anos de viaxes constantes, conversas e recolleitas cos informantes reflectidas en moitas horas de gravacións. A musicóloga recolleu arredor de cinco mil pezas en toda Galicia logo de falar e escoitar, fundamentalmente, ás persoas de maior idade das poboacións que visitaba. Despois debeu catalogar e darlle un sentido estrutural e científico ao material. Falamos dun traballo extraordinario e tan valioso que se converteu nun auténtico referente no eido da cultura e pode considerarse como a Biblia do noso folclore.

Esta é a sétima edición do galardón destinado a recoñecer traxectorias sobranceiras. Dorothé é merecente do premio, como anteriormente xa o foran músicos como Emilio Cao, Antón Corral, Na Lúa e Fuxan os Ventos, a asociación Cantigas e Agarimos e o técnico de son Pablo Barreiro.