PeldeNoz está formado polo acordeonista Alonso Caxade e o contrabaixista Alberto Rodríguez, contando co apoio vogal de Xandre Outeiro, unha presencia que cren lles fai "conectar máis coa terra a nivel musical", segundo indica Caxade, con quen conversamos a dous días da gala dos galardóns creados por LA OPINIÓN. Con PeldeNoz o público escoitará pezas da tradición pasadas pola peneira do folk e o jazz e iso fai necesario achar un equilibrio complicado entre eses dous mundos sonoros, algo que resolven de xeito bastante satisfactorio.

O ano pasado foron finalistas dos galardóns na categoría de mellor álbum. "Fora unha loanza total formar parte dos finalistas, algo co que non contabamos e constituíu un reforzo positivo para PeldeNoz, no que facemos un traballo de formiga cunha estética musical que non é a que ten máis saída".

O venres serán o grupo encargado de pór o peche á gala de entrega de recoñecementos, no que será o seu primeiro concerto na cidade da Coruña.