Síguenos en redes sociales:

XIII Premios Opinión de Música Folk

Un espectáculo para escoitar sons do folk fusionados con outros estilos musicais

A gala de entrega dos galardóns contará esta noite coas actuacións do gaiteiro Pablo Devigo, Cuarteto Saiva Nova, PeldeNoz e Anxo Pintos, quen tocará acompañado por Serxo Ces

Un espectáculo para escoitar sons do folk fusionados con outros estilos musicais

Hai tres anos os galardóns optaron por facer unha modificación na concesión dos recoñecementos, que agora se coñecen no decurso do evento, e dende ese momento o deseño musical das galas pasou a ser diferente, coa idea de realizar un espectáculo que ofrecese aos espectadores a posibilidade de descubrir novas propostas de interese en diferentes ámbitos que tivesen que ver coa música de raíz galega.

Nesta décimo terceira edición dos PREMIOS OPINIÓN haberá unha achega a sonoridades que nunca se escoitaran enriba do escenario, coa intención de amosar ao público como se pode abordar a interpretación de pezas tradicionais ou populares dende perspectivas diferentes. Será unha noite que, aínda partindo do espírito da tradición, aportará un eclecticismo que pretende abrir o abano expresivo dos artistas que pasaron polas táboas ao longo da historia dos galardóns. Saiva Nova daralle un toque de música clásica ao seu concerto e PeldeNoz fará certa aproximación ao jazz. Pola súa banda, a participación de Anxo Pintos supón dar un novo paso na procura de aspectos novidosos. O músico, coñecido sobre todo pola súa participación nos Berrogüetto, interpretará a banda sonora que realizou para a curtametraxe documental Percebeiros, tendo como respaldo imaxes do propio traballo audiovisual nas que aparecen reflectidas os percebeiros e o seu labor. Na parte final da súa intervención, Pintos contará co acompañamento vogal de Serxo Ces, cantante de os Cempés e protagonista do documental.

O encargado de presentar a cerimonia será o xornalista Moncho Lemos, coñecido na súa faceta televisiva pola súa traxectoria como crítico cinematográfico e director do programa musical Fondos reservados, un espazo que se emite dende hai moitos anos na sintonía da Radio Galega.

A cita coa festa do folk galego será ás oito e media do serán no teatro Rosalía de Castro.

Pulsa para ver más contenido para ti