Pablo Devigo será o primeiro artista en subir ao escenario do teatro Rosalía para abrir a gala de entrega dos PREMIOS OPINIÓN o vindeiro venres. En canto comece a tocar, o público escoitará a un virtuoso da gaita que gusta de afondar nas posibilidades expresivas dese instrumento. O artista comenta que nestes momentos está a estudar dirección de orquestra "e traballando moito" de cara ao concerto que debe elaborar para o remate do curso. "A miña saída profesional non vai ser en España e este é un traballo a longo prazo. Non podes pretender vivir da dirección de orquestra con vinte e catro anos de idade. Cómpre formarse moi ben antes de poder vivir dese traballo", destaca.

-Onde queda a gaita en todo iso?

-Para min, aínda que hai xente que non o crea, sempre foi unha afección. Outros ven fútbol e eu toco a gaita. Nese instrumento, ao que teño tanto agarimo, coloquei os meus coñecementos. A gaita ten un peso importante na tradición e eu enfoqueina cara a outros camiños musicais, como o de aparecer tocándoa cunha orquestra.

-Vostede quixo afondar nese dúo formado por gaita e piano, do que cada vez existen máis exemplos en Galicia.

-Eses instrumentos funcionan moi ben xuntos. Á gaita podes facela soar de forma distinta e pode empastar perfectamente cunha orquestra. No ano 2012 toquei coa Real Filharmonía unha obra de concerto na que a gaita foi tratada a nivel virtuosístico como se fose un instrumento equivalente ao piano. A música contemporánea feita para ese instrumento abrangue moito. A gaita é versátil e ten moitas posibilidades. Considero que os galegos temos cara a ela unha visión un pouco simplista, de branco ou negro. Falamos dun instrumento de vento semellante ao óboe e, polo tanto, onde entra nunha obra un óboe considero que pode facelo tamén unha gaita.

- Tocará na gala o tema Asturias, de Albéniz. Por que mete esa peza no seu repertorio?

-Namoreime da peza cando estaba a estudar clarinete en Ourense. É un tema feito para piano elaborado de xeito moi enxeñoso. Eu daquela estaba centrado na gaita e matinei como poder tocar esa peza. Ao comezo faltábanme recursos para interpretala e traballei en conseguir tocar dúas oitavas necesarias. A idea foi converter, momentaneamente, á gaita nun instrumento polifónico.

-Interpretar ese tema permitiulle gañar o Constantino Bellón. Considérao un premio moi importante para os gaiteiros?

-É unha plataforma que dá visibilidade a novas tendencias, algo que admite nas súas bases, cousa que non sucede noutros concursos de gaiteiros. Paréceme un certame propicio para a experimentación. O que se escoita no escenario do Constantino Bellón tarda tempo en verse logo noutros lugares. Teñen un premio con boa dotación económica que serve como mecenado para o artista. Eu, por exemplo, invertino en continuar a miña formación académica.

-Como valora a súa participación nesta edición dos PREMIOS OPINIÓN?

-Para min é realmente unha oportunidade para chegar a un público diferente e aportarlle a miña visión do instrumento. Quero ofrecer unha visión dunha gaita do século XXI, un instrumento que ten un abano de posibilidades sonoras. Cada novo público para o que tocas é sempre unha nova oportunidade para amosar aos espectadores presentes na sala o que se pode facer con este instrumento.